Escoitar

A grada de Río estará operativa para o próximo partido contra o Atlético de Bilbao

O alcalde garantiu esta mañá que a grada de Río estará habilitada para o próximo encontro Celta-Atlético de Bilbao que se disputará en Balaídos o 5 de novembro, unha vez localizadas as 64 pezas defectuosas colocadas na malla da cuberta. Unha vez máis, aproveitou para desculparse cos abonados e co conxunto da animación do equipo celeste.

martes, 24 out 2017
A grada de Río estará operativa para o próximo partido contra o Atlético de Bilbao que se xogará en Balaídos o próximo 5 de novembro. Segundo ratificou esta mañá o rexedor, xa foron localizadas as 64 pezas defectuosas porque están numeradas e xa se sabe que proceden dun fabricante que tivo un problema nunha máquina os días 8, 9 e 10 de agosto. O próximo paso será baixar a estrutura onde están colocadas esas esferas e tamén se revisará o resto da estrutura para proceder a baixar todo o que presente a máis mínima dúbida. Neste proceso, avanzou, o Concello seguirá da man de AIMEN, un instituto tecnolóxico de solvencia recoñecida, engadiu. O obxectivo é non só que a grada estea operativa para ese partido, senón tamén que as obras rematen no tempo establecido no contrato, insistiu Caballero.

Rematou as súas declaracións trasladando de novo aos abonados e ao resto da afección as súas desculpas por ter que tomar a decisión "moi ano noso pesar" de inhabilitar a grada pero "foi unha causa maior".