Escoitar

O goberno local ordena o cese da actividade da empresa de depósito de contedores de Guixar

O Concello vén de decretar a prohibición dos traballos na parcela situada na Avenida de Guixar 12 que contaba cunha comunicación previa de actividade. A empresa Transportes Crespo e Cousido ten 48 horas de prazo para cumprir a orde. <br />

mércores, 18 out 2017
O alcalde deu conta da firma da resolución definitiva da declaración de ineficacia da comunicación previa de actividade de Transportes Crespo e Cousido, desestimando as alegacións da empresa, de xeito que ordena o cese inmediato da actividade para aparcamento privado de camións e contedores e actividades auxiliares na parcela situada na Avenida de Guixar número 12.

O goberno municipal prohibe exercer a actividade pretendida e reitera á citada empresa a orde de cese que debe cumprir nun prazo máximo de 48 horas desde a notificación desta resolución. Abel Caballero explicou que, no caso de que se constate o incumprimento da orde, procederase á súa execución subsidiaria mediante o precintado do establecemento e o corte de subministro dos servizos de auga e electricidade, entre outros. Engadiu tamén que, malia as peticións veciñais de apresuramento, neste procedemento era imprescindible cubrir ben a legalidade da tramitación e respectar os prazos que marca a lei así como facer as notificacións oportunas para evitar unha posible paralización xudicial posterior.