Escoitar

O Concello organiza desde este venres catorce visitas guiadas no Cemiterio de Pereiró

Con guías caracterizados como Concepción Arenal ou Cachamuíña amosarán a riqueza do cemiterio a grupos de 25 persoas dende esta fin de semana e ata o 12 de novembro. É preciso reservar praza na oficina de turismo da Estación Marítima.

mércores, 18 out 2017
O alcalde informou hoxe mércores do inicio das visitas guiadas caracterizadas ao Cemiterio de Pereiró con motivo da celebración do día de Todos os Santos e dos Fieis Defuntos. É unha actividade que o Concello desenvolve de xeito gratuíto ao longo das próximas catro fins de semana, entre las 19 e as 21 horas da noite en grupos de 25 persoas.

Para poder participar nas visitas é preciso reservar praza inscribíndose de forma presencial no Centro de Recepción de Visitantes da Estación Marítima de Ría, que permanece aberta de luns a domingo entre as 10 da mañá e as 17:00 horas da tarde.

Personaxes como Concepción Arenal ou Cachamuíña serán os guías caracterizados destas visitas que dan a coñecer a historia e a riqueza patrimonial e natural de Pereiró ao longo de catorce xornadas que comezan esta fin de semana – venres 20, sábado 21 e domingo 22- que continúan do 27 ao 31 de outubro e se prolongan as fins de semana do 3, 4 e 5 de novembro e o 10, 11 e 12 de novembro.