Escoitar

Caballero demanda a través da FEMP que os concellos poidan contratar efectivos sen restricións

O presidente da FEMP mantivo un encontro este mércores coa Secretaria Función Pública, Elena Collado, a quen lle pediu tamén axilidade na tramitación da xubilación anticipada dos policías locais para poder repoñer as prazas o antes posible.

mércores, 13 set 2017
Abel Caballero pediulle á Secretaria de Función Pública, Elena Collado, que permita que os gobernos locais repoñan os seus efectivos sen as limitacións que marcan os actuais criterios das taxas de reposición, aos que cualificou como "inadecuados, inconvenientes e limitativos".

Na reunión mantida esta mañá na sede da Secretaría de Estado, o presidente da FEMP insistiu en que a Administración Local é a que cumpre en maior medida coas esixencias do equilibrio orzamentario e lamentou que a Administración Central, menos cumpridora a estes efectos, veña establecer "tutelas". "Nós sabemos como utilizar o noso Capitulo 1" respectando ese equilibrio presupostario, subliñou para explicar que, entre outras cuestións, os criterios establecidos limitan a posibilidade de repoñer ou destinar máis funcionarios en aquelas áreas municipais nas que se demandan maiores servizos, como os servizos sociais ou o emprego. Lembrou tamén que os concellos cambiaron, sendo agora outros servizos os que requiren maiores recursos.

Xunto a esta cuestión, na reunión Caballero e Collado analizaron o proceso de xubilación anticipada dos policías locais, unha cuestión que, sinalou, pode afectar a unha porcentaxe significativa dos actuais efectivos. Este proceso coincidirá cun momento no que os corpos de policía local han afrontar novos retos tanto en formación como en responsabilidades na loita contra o terrorismo yihadista, tal e como se vén traballando en colaboración co Ministerio do Interior. Por isto e para garantir o servizo, o presidente da FEMP demandoulle a Elena Collado estudar a posibilidade de abrir canto antes a convocatoria de novas prazas de axentes locais, tramitalas á maior brevidade e celebrar as oposicións para facer a substitución o máis rapidamente posible daqueles axentes que se xubilen, así como permitir que os efectivos dispoñibles poidan facer "servizos extraordinarios" si fose necesario mentres os cadros de persoal policiais se completan, "durante o período provisional ata que se incorporen os novos policías".