Escoitar

Os bombeiros de Vigo incrementaron nun 20% as súas actuacións no último ano

As actuacións do servizo municipal de bombeiros aumentaron nun 20% no último ano, segundo datos ofrecidos esta mañá polo concelleiro de Seguridade, Carlos López Font. Na súa intervención cualificou de "magnífico" o labor que realizan, poñendo en valor a súa dotación persoal e material.

mércores, 13 set 2017
O concelleiro de Seguridade e Mobilidade, Carlos López Font, avanzou esta mañá que as actuacións desenvolvidas polo servizo municipal de bombeiros aumentaron nun 20% no ano 2016. Este aumento -de 1.562 en 2015 a 1.873 en 2016- débese, entre outras razóns, a un incremento de actuacións coa vespa velutina. Na presentación deste balance, Font puxo en valor o "magnífico" servizo que ofrece o corpo de bombeiros, dotado cos mellores medios persoais e materiais. A tipoloxía das intervencións oscilan entre os incendios, medicións de gas en situacións de sospeita, servizos humanitarios ou actuacións contra a vespa velutina. Entre as máis destacadas, sitúase a actuación no accidente de tren de O Porriño ou o incendio de Fandicosta. Tamén son importantes as accións cando hai temporal, cando se rexistran ata 40 intervencións diarias, accidentes de tráfico, excarceracións ou labores de limpeza.

O servizo de bombeiros tamén realiza tarefas de prevención como son comprobacións e simulacros de evacuacións en edificios altos, como os que se fixeron nas Torres de García Barbón ou no Hospital Álvaro Cunqueiro. No departamento de formación, habería que subliñar a existencia de cursos sobre excarceracións, mercadorías perigosas ou condución, entre outros.

Respecto da dotación de medios, o responsable municipal referiuse ao cambio que experimentou o Parque Central que agora conta con 8 saídas, logo de dispoñer durante moitos anos dunha, o que dificultaba a operatividade do servizo. En detalle, o parque conta con 3 escaleiras automáticas de 18, 32 e 37 metros; un brazo articulado de 55 metros; 4 bombas urbanas pesadas; 2 bombas urbanas lixeiras -para acceder á zonas como o Casco Vello-; 2 nodrizas de abastecemento de 13.500 litros cada unha; 1 furgón acuático de rescate; 1 dotación de apuntalamentos e 1 dotación de apoios en intervencións.