Escoitar

O goberno local promove 155 actuacións nas catro Áreas de Rehabilitación Integral da cidade

Ao abeiro do Plan Estatal de Rehabilitación e Renovación Urbana, investirá 560.000 euros no Casco Vello, Bouzas, Santa Clara e as rúas Bueu, Moaña e o polígono de Coia. Ademais, xa pode consultarse na sede electrónica o borrador da ordenación provisional do urbanismo do Concello.

mércores, 30 ago 2017
A Xerencia de Urbanismo tomará coñecemento da documentación para formalizar acordos dentro do Plan Estatal de Rehabilitación, Rexeneración e Renovación urbana 2013-2016. Trátase dunha prórroga do Plan coa que se acometerán 155 actuacións nas catro Áreas de Rehabilitación Integral da cidade para o período 2017-2018.

Segundo explicou o rexedor, na ARI do Casco Vello realizaranse 60 actuacións, 30 en Bouzas, nas rúas Bueu, Moaña e polígono de Coia acometeranse actuacións en 50 vivendas e en 15 do grupo de casas Santa Clara cun investimento total de 2.871.100 euros.

Desta cantidade, o Concello achega 560.000 euros, o Ministerio de Fomento 938.000 euros, os propietarios 994.000 euros e a Xunta de Galicia 378.000 euros.

Consulta pública da ordenación provisional do urbanismo vigués
Abel Caballero informou tamén da apertura do proceso de consulta pública electrónica do documento ambiental estratéxico e o borrador do instrumento de ordenación provisional do Concello de Vigo. É o primeiro paso para a "recuperación urbanística de 23 millóns de metros cadrados, a cuarta parte do termo municipal aproximadamente", indicou.

Deste xeito, Vigo é o primeiro Concello que se acolle á ordenación provisional e ten dado "xa todos os pasos", coa aprobación en Pleno do documento e o envío á Xunta a mediados de agosto para que poida someterse agora a exposición pública. Poderá consultarse ata o 25 de setembro.

Caballero puxo en valor que o goberno de Vigo estea "acurtando os prazos todo o posible para recuperar canto antes a cuarta parte do Plan de 2008". A isto engadiu os ámbitos concretos industriais e comerciais que están en tramitación e adiantou que haberá que sumar unha "cascada de recuperacións adicionais".