Escoitar

Caballero e Zoido resaltan a importancia da Policía Local na loita contra o terrorismo

O rexedor deu conta esta mañá da reunión que mantivo onte luns en Madrid co ministro do Interior, Juan Ignacio Zoido, nun encontro no que acordaron que sexan as xuntas locais de seguridade as que decidan que medidas de seguridade adoptar en cada cidade. Tamén coincidiron ao resaltar a importancia na loita antiterrorismo das policías locais, con máis de 70.000 axentes en España.

martes, 29 ago 2017
A Femp e o Ministerio do Interior elaborarán senllos documentos que en dez días Abel Caballero e Juan Ignacio Zoido compartirán noutra reunión na que se tomarán decisións no concreto. Así o dixo esta mañá Abel Caballero nunha rolda de prensa na que destacou o "acordo unánime" do encontro que ambos mandatarios mantiveron onte en Madrid ao respecto da importancia das policías locais na loita contra o terrorismo yihadista. Unha das conclusións das que deu conta o rexedor pasa pola vontade de organizar operativos conxuntos con intercambio de información entre as distintas forzas de seguridade do Estado. En opinión de ambos dirixentes políticos, as decisións hai que adoptalas seguindo os criterios das xuntas locais de seguridade, co asesoramento dos distintos técnicos que coñecen as necesidade de cada cidade e cada momento.

Tamén se abordou a importancia do intercambio de información entre corpos de seguridade e neste punto, Caballero aludiu como exemplo á efectiva colaboración que existe en Vigo entre Policía Local e Nacional, con reunións case todas as semanas. Insistiu en que nesta loita non "queremos protagonismo de ningún corpo senón a eficacia de todos xuntos".

Outro dos aspectos que se trataron foi a necesidade de que contar con todos os efectivos precisos, unha vez superadas as trabas que supuxo a taxa de reposición ao menguar os cadros de persoal. Segundo explicou, uns 2.100 concellos españois contan con policías locais o que supón uns 70.000 axentes. Caballero insistiu na importancia de dotar de máis persoal a este corpo dado que o ano que vén entra en vigor a posibilidade de que os axentes locais se xubilen anticipadamente.