Escoitar

Caballero salienta que o Marisquiño sitúa a Vigo no "centro do deporte urbano de Europa"

O alcalde adianta que, dado o rango do festival, solicitará á Xunta de Galicia que colabore na próxima edición achegando 200.000 euros, para igualar o investimento do Concello e da Deputación que suman 400.000 euros.

luns, 7 ago 2017
1502110434marisquino.JPG
O Festival de Arte Urbano de Vigo, o Marisquiño 2017, desenvólvese dende este venres 11 de agosto e ata o domingo 13, convertendo a cidade no "centro dos deportes urbanos de Europa" coa celebración de 10 competicións (Skateboarding, BMX, Dirt Jump, descenso, Flatland, Motocross, Motonáutica) e tres probas puntuables para a copa del mundo (Skateboarding Street, Skateboarding Miniramp e Dirt Jump ).

Para o alcalde, amais da faceta deportiva, o evento ten "a maior importancia" na imaxe, no turismo e na economía da cidade. Por iso, apuntou, "unimos forzas o Concello, a Deputación e a organización para sacar adiante o proxecto". Así, lembrou que o Concello achega 218.500 euros e a Deputación 181.500, "unha cifra significativa moi ben empregada", para o desenvolvemento do Marisquiño que é "unha boa conxunción para todos".

Ao respecto do financiamento, anunciou Caballero que propoñerá ao presidente da Xunta de Galicia a sinatura dun convenio, con Concello e Deputación, para que cada unha das tres partes achegue 200.000 euros ao festival, dado que se se trata "dunha proba de rango europeo e require un tratamento distinto e, se quere sumarse o Consello Superior de Deportes, benvido sexa", engadiu.

O rexedor deu a coñecer esta acción durante a presentación este luns do festival no Real Club Náutico de Vigo. O acto contou coa presenza do organizador, Carlos Domínguez, da presidenta da Deputación, Carmela Silva, a concelleira de Turismo, Laura Iglesias e o presidente da Autoridade Portuaria, Enrique López Veiga.
Descargar todas as imaxes