O Concello ofrece apoio ao Porto e urxe recuperar os tráficos de cruceiros e de Maersk

David Regades fixo estas declaracións na Mesa Redonda "Porto de Vigo: Amenazas e Retos", organizada polo Círculo de Empresarios de Galicia e por Conxemar. Xunto ao funcionamento do PIF e a estiba, o segundo tenente de alcalde ofreceu colaboración para recuperar cruceiros, á empresa danesa e tamén para sacar adiante un plan de ordenación portuaria.

luns, 3 xul 2017
1499083653regades.jpg
David Regades valorou como "moi positivo" este foro de encontro en torno á realidade portuaria viguesa e ofreceu á Autoridade Portuaria a colaboración do Concello: "se ao Porto lle vai ben, a Vigo lle irá ben".

Na súa intervención, o segundo tenente de alcalde citou o funcionamento da estiba e do Posto de Inspección Fronteriza como principais nas necesidades actuais do Porto. Regades celebrou o acordo acadado na estiba, en base á liña de "moito diálogo" e unha "solución global", e reclamou "seguridade xurdídica" para fortalecelo.

Sobre o PIF, felicitou ao presidente da Autoridade Portuaria pola consulta realizada ante Europa para que estude as diferencias de funcionamento entre Vigo e Leixoes, unha "boa acción" que pediu ampliar ante o Goberno de España para non perder "competitividade" ata que a UE ditamine. Regades propuxo tamén consultar ao Ministerio de Sanidade para a resolución dunha cuestión que ten unha derivada "local", pois outros portos españois non teñen o problema do funcionamento do PIF existente en Vigo. Ao efecto, ofreceu a colaboración do Concello.

Maersk e cruceiros
Regades celebrou que o Porto de Vigo está tomando a senda axeitada pero reclamou "un esforzo máis" para recuperar os tráficos de contedores de Maersk, pola "porosidade e transversalidade" que ofrece a empresa danesa, ademais de recuperar o volume anterior de cruceiros no Porto vigués.

En segundo lugar, e para pechar a súa intervención, o segundo tenente de alcalde e tamén deputado provincial ofreceu o apoio do Concello para a "sacar adiante" un Plan de ordenación no Porto de Vigo, que o goberno vigués cre "necesario" e "un gran obxectivo" portuario.
Descargar todas as imaxes