Escoitar

Vigo mobilízase masivamente para reclamar o AVE directo a Madrid

Milleiros de persoas encheron a Porta do Sol na noite deste mércores para asistir ao concerto da Coral Casablanca e apoiar a convocatoria promovida polo Concello de Vigo esixindo aos gobernos de España e de Santiago o AVE directo Vigo-Madrid. Na súa intervención, o alcalde denunciou que Vigo, duodécima cidade peninsular, é a "única gran cidade de España sen AVE".

mércores, 14 xuñ 2017
1497514513ConciertoAve.JPG
Antes do inicio da actuación da Coral Casablanca, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, pronunciou o seguinte discurso:

"Benqueridas viguesas e vigueses,

Era o ano 2000, cambiaba o milenio. Parecía que se iniciaba unha nova era. Sería a modernidade. Avanzaban as novas tecnoloxías, xeralizábase a comunicación directa e inmediata da voz e das noticias. Entrabamos na era de Internet.

Era o ano 2002 e en toda Europa estendíase a rede de alta velocidade ferroviaria. Eran os sinais da modernidade e do progreso. E en España seguíase aquela senda.

Os proxectos do tren de alta velocidade tecían unha densa rede en toda a península. E en Galicia había que decidir como se facía a conexión con Madrid. Aquela L parecía a mellor opción. Era un gran AVE desde Coruña a Santiago, a Vigo, a Ourense e a Madrid. Era eficiente, facía a viaxe no mínimo tempo e con todas as frecuencias que dá a case totalidade da poboación de Galicia.

Pero algúns non quixeron. Preferiron primar ao norte de Galicia en detrimento do sur. E así se decidiu o AVE desde Coruña-Santiago-Ourense-Madrid. Vigo, a primeira e máis industriosa cidade de Galicia, quedou fóra das redes europeas de alta velocidade ferroviaria. Vigo quedou sen AVE.

E naquela ocasión a cidade permaneceu calada porque os responsables de dirixila non alzaron a súa voz para reclamar o que era xusto: o AVE de Vigo a Madrid.

Pero tras isto, como tantas veces, a cidade emerxeu, coma sempre, á marxe dos dirixentes e alzou de novo a súa voz en demanda do AVE. Foron aqueles técnicos ferroviarios da UXT os que reclamaron outra vez o AVE, esta vez, por Cerdedo. E algúns nos puxemos con eles mans á obra. E non foi doado. Custou moito, pero conseguiuse o visto bo, e levouse a cabo a declaración de impacto ambiental. Era o ano 2012.

E foi entón, cunha pequena modificación do trazado, cando no ano 2013 se produciu a gran segunda paralización do noso AVE. Do noso, do de Vigo, do de Pontevedra, do de todo o sur de Galicia. E o que tiña que facerse en seis meses, traspapelouse, eternizouse e paralizouse. Catro anos paralizado. De novo o AVE de Vigo voaba e marchaba.

E os mesmos que paralizaban o noso AVE emprenderon unha nova idea: que o AVE de Vigo a Madrid se fixera por Santiago. Vigo converteríase nunha sucursal ferroviaria de Coruña e Santiago. A mesma canción de tantas veces.

E niso están agora. E moitos trens circulan agora xa de Vigo a Madrid por Santiago. 100 quilómetros cara atrás e 100 quilómetros cara diante. Despois de miles de millóns de euros en inversións, se non o evitamos, Vigo quedará fóra do AVE para sempre.

Vigo é a única gran cidade de España sen AVE. Vigo é a duodécima cidade da España peninsular en poboación, a novena en potencial económico, punteira en industria e será a única sen AVE. A única en toda España. Madrid, Barcelona, Valencia, Sevilla, Zaragoza, Málaga, Valladolid, Alicante, Córdoba e programadas, Murcia e Bilbao. Todas teñen AVE. Vigo, non.

Pero Tarragona, Lleida, Cádiz, Ciudad Real, Toledo, Coruña, Santiago, Ourense, Zamora... e programado en Badajoz, Vitoria, San Sebastián e tantas outras están co AVE en marcha... e Vigo, descolgado.

Vigo reclama, reclamamos, o tren de alta velocidade. Vigo reclama e esixe que se remate a Declaración de Impacto Ambiental. Vigo reclama que se faga o proxecto. Vigo esixe que se inicie a obra. Vigo reclama o tren de alta velocidade Vigo-Madrid directo por Cerdedo. O queremos xa.

E demandámolo coa Coral Casablanca, coa música, co civismo, coa concordia. E queremos agradecerlles que de novo á Coral Casablanca que estean coa cidade, como fixemos para conseguir a permanencia do Partido Xudicial. Grazas Coral Casablanca, grazas Óscar, director.

E queremos que todos saiban que non imos parar ata que o consigamos. Queremos que todos saiban que hoxe en Vigo queremos facer oír a nosa voz. A de toda a cidade. A mesma que nos fixo seguir adiante co aeroporto, a mesma que nos fixo manter o Partido Xudicial, a mesma que reclama un hospital público e de calidade con aparcamento gratuíto... A mesma que co noso esforzo e traballo nos fixo construír esta cidade, as súas industrias, a súa economía.

A mesma que nos fixo conseguir a estación do tren, que algúns queren que quede sen AVE. Pero os tempos nos que se castigaba a Vigo e aquí ninguén levantaba a voz, remataron para sempre. Sempre vaise oir a nosa voz.

E vos quero agradecer a todas as persoas, a todas as mulleres, a todos os homes que hoxe estades aquí. Vos quero agradecer a todos os que unanimemente estades apoiando esta mobilización, a cada persoa singular, a cada colectivo, a todos os que estades aquí porque lle queredes a esta cidade. Queremos agradecervos, queremos recoñecervos que estedes aquí, persoas, colectivos sociais, culturais, medioambientais, musicais, cidadáns, deportivos... Vigo recoñecerávolo sempre, porque estades sempre ao lado da cidade. Cada vez que se necesita, estades coa cidade, ao carón da cidade e defendendo a cidade. E aquí, hoxe, a Porta do Sol chea de xente é a imaxe de Vigo. Sodes Vigo, queremos a Vigo así, e queremos esta Porta do Sol peatonalizada para que sexa a grande plaza da cidade.

Vigo non paga traidores. Nin de dentro, nin de fóra. Vigo quere e reclama o que é de xustiza. E os gobernos de España e de Santiago teñen que saber das nosas razóns, dos nosos argumentos, pero tamén da nosa tenacidade e da nosa forza.

Vigo quere o AVE directo a Madrid por Cercedo. E ímolo conseguir.

Viva Vigo!"
Descargar todas as imaxes