Escoitar

Caballero invita á cidade a sumarse ao concerto que reivindica o AVE directo a Madrid

O rexedor reiterou esta mañá que "non imos deixar que nos furten" a conexión directa con Madrid a través da alta velocidade, como reclama Vigo e todo o sur de Galicia. En rolda de prensa, animou a toda a cidade a achegarse ao concerto reivindicativo que ofrecerá a Coral Casablanca o mércores 14 de xuño na Porta do Sol para que "Vigo non sexa a única gran cidade española sen AVE".

luns, 12 xuñ 2017
1497271423ugt.JPG
Abel Caballero intercambiou esta mañá impresións con Ernesto Fontanes, secretario xeral de UXT Vigo e con Carlos Díaz, voceiro do sindicato en materia ferroviaria, "pais" da conexión en L que negaron a Vigo hai anos os presidentes de España e Galicia, José María Aznar e Manuel Fraga, respectivamente. Ao longo do encontro, repasaron as datas e os prazos desta infraestrutura que leva 4 anos bloqueada no trámite de declaración ambiental un tramo de tres quilómetros, cando o prazo razoable non debería rebasar os 9 ou 10 meses. Neste tempo, engadiu, nin tan sequera se emitiron os pertinentes informes administrativos. "Levan catro anos co proxecto parado nun caixón", engadiu.

Durante a rolda de prensa, o rexedor reiterou a súa convocatoria para que toda a cidade acuda ao concerto reivindicativo que a Coral Casablanca ofrecerá o mércores 14 de xuño, ás 20,30 h na Porta do Sol, co obxectivo de conseguir ave directo por Cerdedo. "Non queremos que sexa un vello tren do século XIX que vaia por Santiago", dixo. Xunta e Goberno Central queren que os vigueses vaian a Madrid a través de Santiago.

Na súa opinión, Vigo o vai conseguir, "porque esta cidade consegue todo o que se propón" e porque non podemos ser a única gran cidade de España sen AVE. Lembrou que Vigo xa se mobilizou para defender o Partido xudicial e por primeira vez na historia un goberno con maioría absoluta retirou unha lei do Parlamento español; tamén defendeu o seu aeroporto e o mesmo vai ocorrer co AVE porque non "podemos tolerar quedarnos fora das redes de alta velocidade de Europa".
1497271423ugt.JPG
1497271443fotoave.JPG
Descargar todas as imaxes