Escoitar

Caballero confirma que a grada de Río estará operativa para o primeiro partido de Liga

O rexedor adiantou esta mañá de luns que a grada de Río, cun investimento de 6,8 millóns, estará operativa para o primeiro partido de Liga. Segundo o cronograma do Concello, a previsión é que a cuberta estea rematada en outubro mentres que o total dos traballos estarán completados a finais de ano.

luns, 12 xuñ 2017
Abel Caballero avanzou que a obra da grada de Río vai a "moi bo ritmo" e detallou que xa están practicamente retiradas as ópticas, os tornos e os focos, polo que, de xeito inmediato, arrancará a eliminación da cuberta, que ten que ser retirada na súa totalidade. A partir dese momento, establecerase unha malla aérea que finalmente soportará a cuberta azul celeste e que ten que ser instalada antes de que empece a tempada deportiva.

Tal e como indicou, a grada estará operativa para o primeiro partido de Liga, a cuberta estará rematada no mes de outubro, aproximadamente, e o total dos traballos rematarán a finais de ano. Na súa intervención, referiuse ás obras de Balaídos como "o Guggenheim do fútbol en España" e reiterou que van ser absolutamente compatibles cos partidos, como xa sucedeu coa grada de Tribuna. Augurou que "vai quedar fantástico", ao tempo que apuntou que o prezo de licitación desta reforma se eleva a 6,8 millóns de euros.