Escoitar

O alcalde asegura que SICO é a "mostra de que se reactiva a construción na cidade"

O Salón da Construción de Galicia abriu esta mañá as súas portas no Ifevi co congreso profesional "Renovación urbana e novas tecnoloxías". Na inauguración, Caballero felicitou aos promotores e participantes porque mobilizarán a importante capacidade de emprendemento que ten este territorio.

venres, 5 mai 2017
1493989180sico.jpg
Abel Caballero trasladou esta mañá a felicitación da cidade aos promotores da sexta edición de SICO 2017, o Salón da Construción de Galicia porque "están a facer da saída da crise unha oportunidade" que permite que Vigo retome feiras que noutros territorios se suspenderon o que supón "unha mostra de que se recupera o sector". Feiras como esta son fórmulas para buscar unha explosión impulsora, "despertando expectativas, algo moi importante en economía". Durante a inauguración do congreso "Renovación urbana e novas tecnoloxías", Caballero aludiu á responsabilidade das administracións para cooperar nesta recuperación de pulso e explicou que o Concello leva moito tempo traballando na procura de saídas á "desafortunada" sentenza que suspendeu o Plan Xeral por unha insuficiente xustificación dun apartado que tiña que realizar a Xunta. En todo caso, o importante nestes momentos é que o Concello xa avanzou na posibilidade de aplicar reformas puntuais no plan xeral vixente, na redacción dun novo documento e na aplicación da Lei Vigo para determinados ámbitos.

Por outra banda, proseguiu, o goberno local tamén seguirá coas humanizacións, que impulsan a construción e, polo tanto, o emprego, engandido que chegou o momento de retomar a "brillantez" na arquitectura porque queremos unha cidade para ser vivida. O rexedor rematou a súa intervención reiterando o seu agradecemento aos promotores e aos participantes nestas xornadas "porque van mobilizar o mellor que temos neste concello: a nosa capacidade de emprendemento".

Na inauguración tamén estiveron presentes Javier Arnau, director do grupo Muéstralo, o delegado da Xunta, Ignacio López-Chaves, ademais do presidente da Cámara de Comercio de Vigo, Pontevedra e Vilagarcía, José García Costas e representantes de Abanca.
Descargar todas as imaxes