Escoitar

O goberno local contrata a redacción dos proxectos de humanización da Estrada do Porto e da Provincial

Os expedientes foron aprobados pola Xunta de Goberno Local e o alcalde puxo en valor a "cooperación" da Deputación de Pontevedra, pois o organismo provincial presidido por Carmela Silva cede a titularidade de ambos viais e sufraga unha "parte importantísima" dos 6,5 millóns reservados para as dúas humanizacións.

venres, 5 mai 2017
Este venres o goberno de Vigo deu luz verde aos expedientes de contratación da redacción dos proxectos de humanización da Estrada do Porto -que transcorre fundamentalmente por Beade- e de Emilia Pardo Bazán -a coñecida como estrada provincial-.

Abel Caballero informou destes acordos e explicou que, segundo os convenios firmados co organismo provincial, a Deputación cede ao Concello a titularidade de ambos viais e custea "parte importantísima" da súa humanización, mentres que o goberno vigués se encarga do proxecto e da obra. O orzamento para a remodelación da provincial ascende a 3 millóns de euros e o da Estrada do Porto, a 3,5 millóns de euros.

No tocante á provincial, o rexedor vigués recordou que a súa remodelación foi moi demandada e, en anos anteriores, houbo incluso manifestacións veciñais reclamándoa. Pola súa banda, a Estrada do Porto precisaba dunha "gran reforma" que igualmente viña sendo reclamanda pola veciñanza desde hai "vinte anos".

Abel Caballero amousouse "moi satisfeito" da "cooperación" da Deputación de Pontevedra para a humanización destas dúas estradas da cidade, que totalizan un orzamento de 6,5 millóns de euros.

Emprego
O goberno de Vigo acordou varios asuntos en materia de fomento do emprego na cidade. En primeiro lugar, Caballero deu conta da aprobación do convenio con UGT, 22.000 euros de achega municipal para unha campaña de información e difusión dirixida a mulleres novas e desempregadas de longa duración, co obxecto de mellorar a súa empregabilidade a través de novas tecnoloxías, charlas, xornadas de difusión, etcétera.

En segundo lugar, o goberno vigués aprobou dous obradoiros de emprego para formar e cualificar a unha treintena de mozos menores de 30 anos, cunha achega de 140.000 euros de fondos europeos. Son, revelou Caballero, o Vigo Prepara II, centrado no sector da promoción e información turística, e o FormaWeb, para a especialidade de desenvolvemento e publicación de páxinas web.

Praias
Por último, Abel Caballero trasladou a aprobación da contratación dos quioscos de praias para este verán. Serán once en total, distribuidos en sete areais vigueses. Haberá un na praia da Punta, en Santa Baia, en Argazada e na ETEA, dous nos areias de Tombo do Gato e do Vao, e tres quioscos en Samil.