Escoitar

O Concello reitera a súa "cooperación total" coa Cidade da Xustiza

O segundo tenente de alcalde, David Regades, participou este martes na comisión de seguimento do proxecto da nova cidade xudicial, onde entregou ao equipo técnico a licenza municipal que autoriza as demolicións exteriores e interiores precisas para a rehabilitación do antigo Hospital Xeral.

martes, 25 abr 2017
1493121524xustiza.JPG
David Regades valorou esta xornada como un "día importante" para Vigo xa que pode iniciarse o desenvolvemento da Cidade da Xustiza, un proxecto que conta co "apoio total e inequívoco" do Concello, que "fixo os deberes e traballou arreo para cumprir os prazos de concesión" das licenzas necesarias para o derrubamento de distintos espazos do inmoble.

O segundo tenente de alcalde explicou que o goberno de Vigo lle entregou hoxe unha copia da licenza de demolición ao equipo técnico "para que pidan empezar os traballos en canto estean contratados" e insistiu no vontade de "cooperación total" coa Cidade da Xustiza e cos proxectos futuros que se desenvolvan para darlle utilidade aos edificios da rúa Lalín. Así, apuntou que na Comisión celebrada esta mañá a administración autonómica anunciou que pediría colaboración para "intentar ir todos da man con ese novo proxecto" que contará, engadiu Regades, coa colaboración municipal.

Ademais apuntou que na xuntanza se puxeron sobre a mesa dúas demandas para a nova Cidade da Xustiza: unha sala de autopsias e unha gardería, que non están incluídas no proxecto, e que o Concello apoiará "sempre que encaixen no proxecto presentado polo arquitecto Alfonso Penela.

Descargar todas as imaxes