Escoitar

O goberno de Vigo dedica 709.000 euros ás vítimas da violencia de xénero

Abel Caballero destacou o investimento do Concello na protección das mulleres que sofren violencia de xénero cun equipo de axentes da policía local que atende actualmente a 175 mulleres e o financiamento do Centro de Atención para toda Galicia con 250.000 euros.

mércores, 12 abr 2017
O alcalde deu conta este mércores da dedicación do goberno municipal ás accións de loita contra a violencia de xénero, que ascende a 709.000 euros e que inclúe diversas partidas.

Así, o Centro de Atención a Mulleres para toda Galicia recibe un investimento de "un cuarto de millón de euros", polo que a súa actividades, dixo, está financiada na súa maioría polo Concello. Os pisos de acollida municipais teñen unha dedicación de 157.000 euros anuais. Ademais, o Concello dedica 53.000 euros en axudas directas á loita contra a violencia de xénero, 153.000 euros ao servizo de atención domiciliaria á infancia e "financia practicamente na súa totalidade" a Rede veciñal de mulleres contra os malos tratos.

Para esta acción, o Concello ten un grupo de axentes da EVAP (Equipo de vixilancia e apoio policial) da Policía Local que vixía e protexe ás mulleres vítimas da violencia, que son un total de 175 na actualidade. Caballero explicou que antes da súa chegada á Alcaldía, estes axentes dedicábanse ao servizo de escolta que se suprimiu para que pasaran a desempeñar esta función. Dende a súa posta en funcionamento, a EVAP atendeu a 1.300 mulleres a quen tamén lles imparten formación en materia de protección, en colaboración coas asociacións de mulleres.