Escoitar

Castrillo sinala a ludoteca do Calvario como exemplo de integración

martes, 11 feb 2003
imx2319.jpg
Elena Piñeiro e Castrillo
O alcalde de Vigo, Lois Castrillo, manifestou durante a súa visita á ludoteca municipal do Calvario ser partidario de incrementar a oferta de ludotecas de integración en Vigo. Castrillo dixo sentirse moi satisfeito do funcionamento do centro aberto recentemente polo Concello no Calvario, un lugar onde comparten xogos e actividades educativas rapaces con discapacidades con nenos e nenas do barrio.

A ludoteca municipal do Calvario está xestionada pola asociación Hoy por Mañana. A ela acoden a diario uns corenta rapaces que son atendidos por persoal especializado. Esta é a última das ludotecas abertas polo Concello de Vigo nos últimos anos. En total están funcionando cinco na cidade: Casa da Xuventude, Coia, Lavadores, Coruxo e Calvario.

O do Calvario é o primeiro centro de xogos en Galicia no que se incorpora persoal especializado para atender rapaces con minusvalías físicas ou síquicas. Lois Castrillo explicou que estes nenos comparten perfectamente os xogos con aqueles que non teñen discapacidade, o que considerou unha proba de que a integración é posible e de que convén fomentala máis. O alcalde vigués anunciou que esta experiencia positiva facilita o camiño para que no futuro se abran en Vigo máis ludotecas de integración.
Descargar todas as imaxes