Escoitar

O programa de apoio á infancia céntrase nos aspectos de intervención psicosocial

martes, 11 feb 2003
O equipo de infancia da concellería de Benestar Social traballou o ano pasado con 240 menores que presentaban conductas de inadaptación. O programa de Apoio á Infancia comezou en abril de 2001 cun presuposto de 52.000 euros e para este ano aprobouse unha cantidade que ascende ós 167.000 euros. A concelleira de Benestar Social, Belén Sío, manifestou que este programa foi unha aposta forte do mandato municipal ó ser consciente da necesidade de intervir en menores desde o Concello.

O Programa de Apoio á Infancia ten como punto de partida a atención integral á infancia, intervindo nos tres parámetros básicos, familiar, educativo e comunitario, priorizando as actuacións preventivas. Os obxectivos do mesmo son evita-la inadaptación e exclusión social dos menores: aborda-las situacións problemáticas e de risco na infancia cunha intervención preventiva dun agravamento futuro destas.

Os destinatarios do programa son nenos e nenas entre 6 a 12 anos escolarizados en educación primaria en 18 centros públicos da cidade. O perfil dos nenos cos que se traballa son alumnos ou alumnas que presentan absentismo escolar: que estean en situación de risco derivados do seu entorno familiar: que presenten fracaso escolar ou baixo rendemento escolar non atribuíble unicamente a causas educativas ou escolares: non implicación reiterada dos pais e nais: conductas antisociais con compañeiros, profesores: posible desestructuración familiar ou falta de motivación ou orientación que conleve a conductas de ruptura da marcha da clase.

O equipo de infancia está formado por sicólogos, traballadores sociais, educadores sociais e mestres.

Os recursos cos que conta o equipo para traballar establécese mediante convenios de colaboración con entidades da cidade. Deste xeito a concelleria de Benestar Social ten convenios coa Asociación Acción Solidaria de Estudiantes, Abertal, Hijas de María Inmaculada, Plan Comunitario de Teis e Casco Vello para realizar actividades centradas no apoio educativo e escolar, complementadas por actividades culturais e de lecer. O apoio en áreas psicolóxicas e educativas préstano os Gabinetes Karma, Psicoestudio e a Asociación para a Prevención e Intervención Psicolóxica.