Escoitar

O Concello mellora o alumeado público para aumentar a seguridade cidadá

martes, 11 feb 2003
A Concellería dos Servicios Electromecánicos realiza obras no alumeado público na antiga vía do tranvía entre o camiño Figueirido e a rúa Tui (Coia-Florida) e na zona do Vao (Coruxo) consistentes na substitución de vellas instalacións por outras máis modernas que mellorarán os niveis de iluminación.

No camiño de paso entre a rúa Tui e o camiño Figueirido, o que antigamente era a vía do tranvía, realízase unha actuación para a mellora no alumeado público. ”Esta mellora consiste en retirar os postes existentes, que aínda son do antigo tendido do tranvía, e substituílos por postes novos máis consistentes e acordes cos criterios do alumeado público instalado polo Concello de Vigo”, explicou o concelleiro Henrique Vieitez.

Neste camiño de paso entre dúas zonas habitadas, aumentaranse os puntos de luz existentes para mellorar a iluminación e aumentar deste xeito a seguridade para os cidadáns que pasan por esta zona sen poboación.

Zona do Vao, en Coruxo

Na zona do Vao, en Coruxo, concretamente no tramo da estrada de Canido dende os xardíns da Capela do Vao ata en fronte da Finca de Mirambell, retiraranse os postes de formigón existentes e colocaranse columnas rectas de ferro galvanizado de 9 metros con novas luminarias para así mellorar a iluminación da zona.

Henrique Vieitez sinalou tamén que ”se emprendeu o proceso de mellora e reformando do tendido eléctrico para a alimentación dos puntos de luz do alumeado público na zona do Camiño do Breadouro, preto da Capela do Vao, xa que o alumeado público existente non está en boas condicións debido á súa antigüidade”.

Nestas obras o departamento dos Servicios de Electromecánicos está a traballar en colaboración con persoal do PROMIL do Concello de Vigo.