Escoitar

O alcalde esixe ao Goberno e á Xunta un dispositivo para previr accidentes en Rande

Considera "gravísimos" os colapsos ocasionados polos sinistros que teñen obrigado ao Concello a cortar os accesos dende a cidade á autopista. Ademais, advirte que prohibirá o tránsito de camións pesados polo centro de Vigo se a Xunta e o Goberno seguen sen responder á petición de facilitar accesos á AP9 desde a avenida de Bos Aires.

luns, 16 xan 2017
Logo do último sinistro rexistrado na Ponte de Rande, que obrigou ao Concello a cortar os accesos desde Vigo á AP9 o pasado venres 13 de xaneiro, o rexedor considera "intolerable" que nin a concesionaria, nin o goberno de España nin a Xunta de Galicia adopten medidas para evitar estes "gravísimos problemas" de accidentes e "colas interminables que colapsan a entrada desde Vigo". Así, esixiulles un dispositivo de prevención de accidentes porque, dixo, "non pode ser que a autopista máis importante de Galicia e unha das máis importantes de España estea sometida a estes cortes e accidentes".

Ademais Caballero lembrou que segue sen recibir resposta por parte da Xunta de Galicia á súa petición de facilitar o acceso da cidade á autopista desde a Avenida de Bos Aires. O Concello instara ao goberno autonómico a dotar unha partida nos presupostos autonómicos de 2017 para converter ese tramo en urbano e que sexa utilizable para a cidade, da mesma maneira que dedicou 12 millóns de euros ao túnel do Parrote na Coruña. Segundo explicou, a petición está enviada, tamén a autopistas e ao goberno de España "e non contestou ningún".

O alcalde advertiu que "ou ten unha resposta rápida ou prohibe o tránsito de camións pesados polo centro da cidade", xa que, nestes momentos, circulan unha media de 212 camións e autobuses pola Avenida de Sanjurjo Badía e "non vou deixar que a cidade pague o que ten que pagar a Xunta e a autopista". Segundo explicou, os vigueses deben asumir as consecuencias do tráfico pesado, que "rompe a cidade, xera atasco, a avenida convértese nun inferno e págao a xente de Vigo; págao Teis" cando eses camións van fundamentalmente ao Porto e, por deferencia coa súa actividades, permítese o paso polo centro, algo que non ocorre noutras cidades españolas.