Escoitar

O Concello eleva a 160.000 euros e duplica as bolsas de inglés da Escola de Idiomas<br />

O goberno local outorgará o próximo curso 92 bolsas para unha estancia no estranxeiro aos alumnos da Escola de Idiomas, o que supón duplicar o número de prazas. Así mesmo, aprobou exencións por valor de 1.261 euros para o uso de instalacións deportivas, unha cifra que eleva á 235.000 euros as subvencións a entidades sociais ou educativas.

venres, 23 dec 2016
A Xunta de Goberno local aprobou as bases reguladoras das bolsas "Concello de Vigo" para estancias lingüísticas no estranxeiro do alumnado da Escola Oficial de Idiomas. O importe deste ano, 160.000 euros duplica o orzamento do ano pasado polo que o número de achegas elevarase a 92 -o ano pasado foron 47-. A maior parte das axudas son para Londres, pero tamén hai outros destinos como París, Berlín, Roma, Lisboa, Tokio e Pekín.

O goberno local tamén deu luz verde á clasificación de ofertas para a contratación das seguintes obras de humanización: fase I de Llorente, cun orzamento de 218.547 euros; Estornino -desde Gregorio Espino ata Xílgaro, cun orzamento de 1.150.000 euros; Castelao -entre a rúa Redondela e a rúa Porriño-, cun orzamento de 250.000 euros; Álvaro Cunqueiro, cun orzamento de 1.250.000 euros e Rosalía de Castro -entre Canceleiro e Serafín Avendaño, cun custo de 879.430 euros.

Exencións
O rexedor, asi mesmo, deu conta da aprobación de convenios de colaboración co Instituto Santa Irene para o uso do Complexo Deportivo de As Travesas; co Ceip Altamar polo uso do Pavillón de As Travesas; coa Asociación San Francisco (Agasfra) para a utilización do Pavillón de Coia e coa Asociación Down Vigo para o goce do Pavillón de Lavadores. Estas subvencións -1.200,50 euros- elevan a 235.000 euros as exencións a entidades sociais e educativas.