Escoitar

O rexedor celebra o "éxito anunciado" das Escolas Deportivas Municipais

Logo do encontro mantido con responsables das entidades que participan na formación deportiva do Concello, Caballero deu conta da presenza de 5.000 alumnos nas 35 modalidades que se imparten e sinalou o beneficio que lles supón a exención municipal de 233.000 euros anuais.

xoves, 22 dec 2016
As Escolas Deportivas do Concello de Vigo contan, nestes momentos, con preto de 5.000 alumnos e alumnas que realizan ata 35 modalidades deportivas que ofertan 36 entidades da cidade.

Así o explicou este xoves o rexedor que se referiu a este programa como "a crónica dun éxito anunciado" polo importante número de participantes e polo beneficio que supón para preto de 4.000 familias o apoio que presta o Concello eximindo das taxas ás entidades polo uso de instalacións, un beneficio que acada os 233.000 euros anuais.

Para Abel Caballero, o deporte e as escolas deportivas en Vigo están experimentando unha "grande explosión" e "seguiremos aumentando as modalidades e a achega económica" para que os rapaces e rapazas viguesas sigan practicando deporte e para que esta oferta sexa máis "accesible" grazas á colaboración municipal.