Escoitar

A Casa das Artes acollerá o 1 de decembro a constitución da Área Metropolitana

A Área Metropolitana de Vigo estará constituida o próximo 1 de decembro e a primeira decisión que van aprobar os 14 alcaldes que formarán a Xunta de Goberno será a integración de todos os concellos que solicitaron formar parte do ente supramunicipal. Así mesmo, o rexedor avanzou que reclamará financiación á Xunta de Galicia e ao Goberno Central.

martes, 22 nov 2016
Abel Caballero avanzou hoxe martes que o próximo día 1 de decembro se constituirá o plenario da Área Metropolitana que, a súa vez, elexirá presidente ou presidenta. A continuación, detallou o rexedor, constituirase a Xunta de Goberno -formada polos 14 alcaldes- ademais de nomear ao persoal técnico pertinente. A partir dese momento, darase luz verde á primeira decisión preacordada: a integración na área de todos os concellos que xa o solicitaron.

Deste xeito, subliñou Caballero, este territorio entra nunha nova fase, "con gran cohesión social e integración económica que debe levar aparellado un novo ámbito político que estea á altura". Respecto da financiación, reiterou a súa vontade de reclamar achegas á Xunta e ao Goberno Central que deben apoiar unha agrupación de concellos que redundará na prestación de mellores servizos cun menor custo.