Escoitar

O rexedor pide celeridade e cooperación á Xunta na tramitación do PXOM

Abel Caballero sinalou que, para a tramitación dun novo PXOM, o Concello solicitou en marzo un informe ao SERGAS sobre as dotacións sanitarias da cidade que aínda non recibiu resposta da Xunta que pediu "algo máis de tempo para elaboralo". Amais anunciou que esixirá á Xunta as reclamacións patrimoniais derivadas da anulación do PXOM.

mércores, 7 set 2016
Abel Caballero amosou este mércores a súa contrariedade polo descarte da Xunta de Galicia da vía proposta polo experto en dereito urbanístico Luciano Parejo "optando por taponar a vía de resolver" o problema "que causou" coa execución da sentenza a través da redacción dun novo informe estratéxico medioambiental.

Ademais, o alcalde rexeitou as declaracións da Conselleira de Medio Ambiente e Territorio, Beatriz Mato, quen asegurou que se pode aprobar un novo plan en 24 horas argumentando que o Concello está traballando en todas as vías e que, para a redacción dun novo Plan, xa ten pedidos informes que, polo momento, agardan a resposta do goberno autonómico.

Así, Caballero amosou a carta enviada polo SERGAS, a quen o Concello solicitara unha notificación sobre a dotación sanitaria da cidade no mes de marzo, á que a Xunta respondeu que "merece un estudo en profundidade" polo que "inevitablemente precisamos de algo máis tempo para elaborar esta información", segundo sinalou o rexedor preguntándose se esta é a "cooperación e celeridade" prometida pola Xunta para o PXOM de Vigo.

Amais, anunciou que o Concello esixirá á Xunta de Galicia as responsabilidades patrimoniais derivadas da anulación do Plan Xeral de Ordenación Municipal por unha sentenza responsabilidade "dunha acción" do goberno autonómico.