Escoitar

O Concello licita a contratación do albergue por 900.000 euros anuais

A Xunta de Goberno Local aprobou o expediente de contratación do funcionamento do Centro Integral de Inclusión e Emerxencia Social por un prazo de catro anos e cun importe total de 3.699.706 euros. Para o rexedor trátase dun "albergue de atención integral" que garante que "ninguén que queira durmir a cuberto deixa de ter un teito en Vigo".

martes, 28 xuñ 2016
O alcalde informou este martes da aprobación por parte da Xunta de Goberno Local do expediente de contratación por procedemento aberto para o funcionamento do Centro Integral de Inclusión e Emerxencia Social (CIIES) situado na rúa Marqués de Valterra.

O contrato en vigor remata a finais deste ano 2016, polo que se abre un novo procedemento de adxudicación por un prazo de catro anos e un importe total de 3.699.706 euros, a razón dunha media de 900.000 euros anuais, para prestar os servizos de comedor social, hixiene, pernoctas, atención na rúa durante o día, un piso básico de acollemento e un piso de transición á vida autónoma amais dun centro de día.

O rexedor salientou o labor do Concello que abriu o albergue "en plena crise" e que dedica á prestación destes servizos "case un millón de euros", aumentando o presuposto e a atención a este fin, engadindo que "ningunha persoa que queira durmir a cuberto deixa de ter teito en Vigo, cea, almorzo, unha cama, unha ducha, atención sanitaria e psicolóxica". Para Caballero trátase dun "albergue de atención integral" que amosa o "carácter da cidade".