Escoitar

O goberno vigués dedica case 300.000 euros ás escolas deportivas municipais

Co fin de impulsar a formación deportiva da infancia o presuposto das escolas deportivas medra un 15% respecto ao ano anterior. A Xunta de Goberno Local resolveu tamén as axudas municipais excepcionais de comedor a 57 alumnos por un importe de 13.500 euros, aceptou a cesión dunha parcela en Ramón Nieto para ser empregada como horta urbana e aprobou a segregación e agrupación da parcela de Navia para que a Xunta amplíe o CEIP Castelao.

luns, 27 xuñ 2016
A Xunta de Goberno Local vén de aprobar o Programa Municipal de Escolas Deportivas "Achégate ao Deporte 2016-2017", así como o convenio de colaboración e as bases de presentación dos proxectos, por un importe de 294.589,15 euros, o que supón, un incremento do 15,3% respecto ao ano anterior, segundo salientou o rexedor, que anunciou que "seguimos subindo as achegas ao deporte".

O programa Municipal de Escolas Deportivas inclúe a formación nas escolas de iniciación e perfeccionamento, os programas de actividades "Gañamos todos", "Educa" e "Falemos co alcalde", cursos de iniciación deportiva, o xogo e competición deportiva "Vigo en xogo" e "unha partida importante para o deporte destinado a persoas con discapacidade física e psíquica" amais dun "proceso importante de fomento do deporte feminino", xa que segundo apuntou Caballero, o goberno local aposta por incrementar a participación feminina no deporte base vigués.

Axudas municipais excepcionais de comedor
A Xunta de Goberno Local resolveu as axudas municipais escolares de comedor para 57 alumnas e alumnos de centros docentes públicos e concertados. Son 13.500 euros que van destinados ás familias que non puideron solicitar a bolsa dentro do prazo por circunstancias excepcionais facéndolles un recoñecemento especial porque en "Vigo non hai ningún neno sen bolsa de comedor se a precisa", en palabras do alcalde.

Nova parcela de hortas urbanas
O Concello aceptou a cesión gratuíta e temporal por parte dun veciño do uso dunha parcela de 1.200 metros cadrados, situada na Avenida de Ramón Nieto 266, co fin de ser empregada como horta urbana por un prazo dun ano. Caballero agradeceu á veciñanza a súa doazón e colaboración con este programa que "continuaremos porque cada vez hai máis demanda" e no que, arestora, están incluídas varias hortas urbanas: Sardomela (ao carón do Colexio Sello (Cabral), en Fontáns (Lavadores), en Ramón Nieto I, Pedro Alvarado (Teis), Navia, Camelias, Casa da Xuventude e Vigozoo. O Concello cede os espazos para ese uso e dota de persoal as hortas para poder aprender aos usuarios máis pequenos a técnica de cultivo dos produtos.

Cesión da parcela para ampliación do CEIP Castelao
No ámbito do urbanismo, a Xunta de Goberno Local deu o visto bo á segregación e agrupación da parcela de Navia para poder acometer a ampliación do CEIP Castelao. Segundo informou o alcalde, son 8.000 metros cadrados e a Xunta de Galicia xa dispón do convenio de cesión para que poida realizar as obras, amosándose "confiado" en que se fagan e criticando que teñan establecido un prazo de tres anos para rematalas.

Ademais, o goberno local cedeu o uso do edificio da Escola de Comercio na rúa Conde de Torrecedeira á Universidade de Vigo. Trátase dunha concesión por un prazo de 10 anos dun inmoble de 3.500 metros cadrados coa que Caballero se amosou "encantado" pola importancia que a Escola de Comercio ten na cidade.