Escoitar

Caballero confía en comezar o luns a desmontaxe da cuberta de Tribuna

O alcalde vigués explicou este venres que a empresa contratada para a remodelación da bancada de Tribuna do estadio de Balaídos testa hoxe mesmo unha nova solución para a desmontaxe das pezas de 65 toneladas de formigón. De resultar positivas as probas, o luns comezarán a retiralas.

venres, 27 mai 2016
Segundo indicou Abel Caballero, a empresa concluíu onte xoves os cálculos para proceder á desmontaxe da cuberta da bancada de Tribuna, parte da remodelación integral do estadio municipal de Balaídos.

A solución técnica inicialmente prevista non funcionou, toda vez que o formigón tiña menos consistencia da prevista. A nova proposta foi adoptada onte xoves e construida na noite do xoves ao venres, de tal forma que hoxe mesmo se levou a Balaídos para testar a solución e, se as probas son favorables, o luns comeza a desmontaxe.

Explicou Caballero que, para a desmontaxe das "bañeiras" de formigón de 65 toneladas que conforman a cuberta, a estrutura metálica creada son "dúas pezas en forma de uve e conectadas no centro" que actuarán como base e levantarán cada bloque de formigón. Este traballo na cuberta estará rematado antes de que comece a tempada 2016-2017, como parte da remodelación integral da bancada de Tribuna, que suma un investimento total próximo aos cinco millóns de euros e cuxas obras concluirán no mes de decembro.