Escoitar

O alcalde pide retomar a autovía libre de peaxe entre Vigo e Pontevedra

Abel Caballero, de visita institucional este mércores na capital da provincia, avogou por mellorar a conectividade entre ambas urbes. O rexedor vigués reclama unha alternativa viaria sen peaxe entre Vigo e Pontevedra e defende que o tren sexa considerado como de proximidade, optando as subvencións estatais.

mércores, 20 abr 2016
1461172002lores.jpg
En declaracións aos medios, Abel Caballero amosou a súa "gran satisfacción" por esta "primeira visita como alcalde" á cidade de Pontevedra, nun "momento significativo" para iniciar unha "nova andaina de cooperación institucional entre dúas cidades que conforman unha gran área urbana, con sinerxias a pór en valor". Así, o rexedor pontevedrés, Miguel Anxo Fernández Lores, visitará oficialmente o Concello de Vigo en próximas semanas.

No tocante aos temas concretos, ambos rexedores coincidiron na necesidade de mellorar as conexións entre Vigo e Pontevedra. Caballero ve un "factor de limitación da conectividade" os prezos das peaxes da autopista, o que precisa dunha resposta "inmediata" -o abaratamento ou gratuidade do tramo na AP-9- e tamén "a medio prazo", que pasaría por construir unha autovía libre de peaxe. Denunciou o alcalde vigués que este asunto quedou fóra das axendas dos gobernos estatal e autonómico, ao tempo que considerou que os beneficios que xeraría "compensarán con creces o custo" da súa construción.

O alcalde de Vigo salientou que Vigo e Pontevedra ten un ferrocarril equiparable aos trens de proximidade das grandes cidades españolas, como Madrid ou Barcelona, e reclamou equiparalo a estes para poder optar as subvencións que concede o Estado ao ferrocarril de proximidade.

Abel Caballero concluiu subliñando que a reunión deste mércores é "o principio dun diálogo permanente" entre ambos rexedores e ambas cidades con "tantos puntos en común" e "tan complementarias que as sinerxias xerarán enormes beneficios".
Descargar todas as imaxes