Escoitar

O alcalde avoga por estreitar a relación institucional de Vigo e Vilagarcía de Arousa

O rexedor vigués visitou o concello pontevedrés este martes para manter unha xuntanza co seu alcalde, Alberto Varela Paz, e iniciar unha etapa "de moita relación" entre os dous municipios. Caballero e Varela acordaron establecer un grupo de traballo para resolver o problema de transporte entre as dúas cidades polo custo que supón para a cidadanía que se despraza entre ambas e para a posta en común da política social.

martes, 19 abr 2016
1461071042vilagarcia.jpg
Despois da reunión deste luns co ministro de Facenda en funcións, Abel Caballero volveu reclamar este martes unha nova política de financiamento para as entidades locais, tras unha reunión co rexedor de Vilagarcía de Arousa, e que os concellos poidan gastar este ano o superávit colleitado no 2015.

O alcalde vigués resaltou que "os concellos estamos a lexitimar a política en España" pois é "a única institución pública deste país que está a cumprir cos obxectivos europeos". Os concellos tiveron en 2015 un superávit de 5.000 millóns, mentres que as autonomías incrementaron o déficit en 1.600 millóns sobre o asignado e o Estado ten 25.000 millóns máis. Asegurou ademais que as políticas sociais que prestan as cidades progresistas están a evitar a "dualización" do país.

Caballero subliñou que os concellos contribúen ao cumprimento dos obxectivos europeos de España e, polo tanto, "o noso aforro o queremos gastar nós". Así, instou novamente ao Ministerio a permitir aos municipios o gasto do superávit de 2015, 22 millóns no caso vigués.

O rexedor vigués anunciou que levará novamente esta demanda á reunión da próxima semana da Comisión Nacional de Administración Local. Caballero proporá ao Ministerio mecanismos que fagan posible investir o superávit, como por exemplo computándoo como ingresos ou repartindo o déficit permitido de forma distinta entre as administracións públicas.

Caballero recordou que o Concello de Vigo xa non pode empregar o superávit para reducir ou cancelar débeda municipal, pois actualmente xa está en débeda cero. O alcalde e presidente da FEMP reiterou que os case 8.200 concellos españois "temos acordo total" nesta proposta.
Descargar todas as imaxes