Escoitar

O alcalde reclama á Xunta que actúe nas inmediacións do Xeral ou que lle ceda o edificio

O rexedor criticou á Xunta por trasladar o hospital de Vigo a Beade-Valadares sen "un plan de choque" para paliar os efectos do cese de actividade do Xeral no comercio e nas rúas da zona. Reclamou a cesión do edificio xa que o Concello xa está traballando sobre a recuperación desta área da cidade. <br />

mércores, 3 feb 2016
O alcalde de Vigo reclamou a cesión do edificio do Hospital Xeral ao Concello, unha vez que a Xunta decidiu abandonar a zona co traslado do hospital á Beade-Valadares. Criticou o feito de que o goberno autonómico, con competencias sanitarias, de comercio e de emprego, non puxera en marcha un plan de choque para esta zona de Vigo que agora está abandonada, insistindo en que nin sequera dan resposta aos profesionais que piden que se manteña o uso sanitario do edificio. Neste punto, Caballero insistiu en que o Concello xa iniciou o proceso de recuperación da zona, co proxecto EDUSI Vigo Vertical, polo que o goberno local solicita 18,5 millóns para rehabilitar a zona, ao tempo que tamén se actuaría no barrio de Ribadavia.

Por outra banda, o rexedor criticou a situación das urxencias no novo hospital privado de Vigo, con enfermos esperando tres días para ser atendidos xa que, a pesar de haber camas valeiras, non había persoal para atendelas. Rematou agradecendo publicamente o seu esforzo a todos os profesionais sanitarios que foron quen de buscar solucións a esta grave situación.