Escoitar

O goberno de Vigo condena os insultos machistas recibidos por Carmela Silva

O goberno municipal deu lectura este mércores a un comunicado de apoio a Carmela Silva no que denuncia os "insultos vergonzosos, intolerables e machistas" que recibiu a primeira tenente de alcalde e presidenta da Deputación por parte do tenente de alcalde de Moraña, Jorge Caldas, polo que lle "esixe" ao presidente da Xunta que o cese no seu cargo institucional "hoxe mesmo".

mércores, 3 feb 2016
1454506719comunicado.JPG
O goberno de Vigo condenou este mércores, a través dun comunicado, os insultos machistas recibidos pola primeira tenente de alcaldía, Carmela Silva, por parte do tenente de alcalde de Moraña, Jorge Caldas, ao tempo que amosou o seu apoio á presidenta da Deputación de Pontevedra, tal e como recolle a declaración institucional:

"Queremos denunciar os insultos vergonzosos, intolerables e machistas que o tenente de alcalde de Moraña, Jorge Caldas, proferiu en contra da presidenta da Deputación de Pontevedra o pasado 29 de xaneiro.

Insultos machistas e intolerables que este representante institucional fai en contra dunha muller que fai política, polo feito de ser muller.

A cidadanía non merece ter un representante como este señor que insulta gravemente co apoio da alcaldesa de Moraña que tamén, a través das redes sociais, respalda ao seu concelleiro.

Apoiamos á presidenta da Deputación, Carmela Silva, ante esta terrible agresión machista, así como a todas as mulleres que son agredidas con insultos e con violencia.

Esixímoslle ao presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, que os dea de baixa no seu partido e lles esixa que cesen nos seus cargos institucionais hoxe mesmo. Hoxe mesmo ten que responder Feijóo porque estamos ante un feito gravísimo".
Descargar todas as imaxes