Escoitar

O Concello destina 802.000 euros ao Programa contra desafiuzamentos e de emerxencia social

Abel Caballero garante que "ninguén en Vigo será desafiuzado mentres eu sexa alcalde" grazas a este programa que permitirá atender as necesidades urxentes de pagos de alugueres, alimentación e enerxía ao longo do ano. A Xunta de Goberno tamén aprobou a compra dun vehículo autobomba para os bombeiros de Balaídos por un importe de case 400.000 euros.

mércores, 30 dec 2015
A Xunta de Goberno Local deu luz verde este mércores ao Programa contra desafiuzamentos e de emerxencia social de Vigo" para o ano 2016, dotado con 802.000 euros. O alcalde definiuno como un programa "da maior importancia". que permitirá facer fronte ás axudas económicas de emerxencia nos próximos doce meses.

Tal e como explicou o rexedor "cada vez que xurda unha ameaza de desafiuzamento por impagamento de alugueiro por incapacidade económica sobrevida dos cidadáns, interviremos de urxencia. Cada vez que alguén teña algunha dificultade de alimentación sobrevida por urxencia, farémonos cargo e cada vez que alguén teña unha emerxencia de ausencia de recursos para pagar a factura eléctrica, farémonos cargo dende o Concello. Ademais mantemos o cheque social que se concede para todo o ano".

Así, Abel Caballero explicou que o goberno local contará con dúas vías de loita contra os desafiuzamentos: o cheque social, co que se concede unha cantidade anual e o programa de emerxencia social, de maneira que "ninguén en Vigo será desafiuzado da súa vivenda mentres eu sexa alcalde e este é o programa que o vai permitir". Sinalou que o cheque social está dotado con 2 millóns de euros cos que se aboan ás familias que o precisan 1.500 alugueres, 1.500 facturas de enerxía e 1.000 tarxetas de alimentación, aos que agora se engaden 800.000 euros para atender os casos de emerxencias que se produzan durante o ano.

Novo vehículo para o parque de Bombeiros de Balaídos
A Xunta de Goberno Local aprobou este mércores a contratación e compra dun vehículo autobomba para o parque de bombeiros de Balaídos por un importe de case 400.000 euros. Segundo explicou Abel Caballero, trátase dun monobloque único fabricado sen metais, o que lle confire maior resistencia ao lume e aos impactos. Ademais, trátase do primeiro vehículo destas características que se incorpora ao parque de Vigo, onde "sempre estamos á última xeración". É máis lixeiro e con máis capacidade xa que pode transportar ata 3.500 litros de auga e permite aumentar o espazo de almacenaxe de ferramentas.