Escoitar

O Concello investirá medio millón de euros en reparar beirarrúas e baches

luns, 17 feb 2003
A Comisión de Goberno aprobou dous expedientes relacionados con obras de mellora urbana na cidade. Acordouse convocar senllos concursos para contratar obras de reparación de beirarrúas e de arranxo de baches. O goberno municipal pretende neste exercicio reforzar especialmente o traballo de conservación das rúas e beirarrúas de Vigo dedicándolle máis diñeiro a esta tarefa. Serán case medio millón de euros os que se empreguen na reparación das beirarrúas en mal estado do municipio e no arranxo daqueles problemas que ocasionan no pavimento das estradas os axentes atmosféricos e o lóxico desgaste do tempo.

Esta actuación engádese á que se aprobou a pasada semana na Comisión de Goberno, un Plan de Pavimentación das rúas de Vigo que está dotado neste exercicio con máis de 3 millóns de euros. A Comisión de Goberno decidiu principiar os trámites administrativos para contratar o antes posible esas obras de acondicionamento das rúas de Vigo.

Cedro disporá dun servicio de vixilancia

A Comisión de Goberno decidiu contratar un servicio de vixilancia e seguridade para a Unidade Asistencial CEDRO, o centro municipal que atende aos drogodependentes da nosa cidade. Deste xeito búscase garantir mellor a seguridade dos usuarios deste centro de asistencia municipal, aumentar a protección dos traballadores do servicio e o control das instalacións e ao mesmo tempo contribuir á seguridade do contorno onde se ubica este establecemento sanitario.

Este servicio de vixilancia terá encomendado o control da entrada a CEDRO, a vixilancia das instacións e ademáis colaborará coas Forzas e Corpos de Seguridade do Estado de acordo coa lexislación en vigor. O servicio funcionará de luns a venres entre 8:00 e 22:00 horas e disporá de persoal formado e que deberá estar en contacto coa policía nacional e a policía local a través dun sistema de comunicación. O prezo máximo do contrato fixouse en 60.000 euros anuais.