Escoitar

O Concello proxecta para antes do verán un gran carril bici que permitirá cruzar toda a cidade

Coincidindo coa celebración da Semana Europea da Mobilidade, o alcalde inaugurou unha exposición de vehículos eléctricos na Praza do Rei, onde deu a coñecer os proxectos do seu goberno para a construción de catro carrís bici que permitirán cruzar Vigo. Ademais, anunciou que mañá martes, Día Europeo sen Coches, os autobuses que van ao Hospital Álvaro Cunqueiro serán gratuítos para todos os usuarios.

luns, 21 set 2015
1442853419movilidad.JPG
Vigo súmase á Semana Europea da Mobilidade propoñendo un novo modelo "eléctrico, que non contamina, que non consome por enriba da electricidade dispoñible e que facilita o tráfico de forma importante nas cidades". Para Abel Caballero, esta é a idea principal coa que traballa o seu goberno neste ámbito e que queda reflectida na exposición de vehículos eléctricos que inaugurou hoxe na Praza do Rei. Nela poden verse automóbiles, motocicletas, unha furgoneta e bicicletas eléctricas cedidas por entidades como o CTAG, Welgood ou Segmobi.

Como exemplo do interese do Concello na promoción da mobilidade sostible e dos automóbiles eléctricos, o alcalde de Vigo citou o seu coche oficial "que desde hai case cinco anos é un eléctrico, funciona moi ben e é moi barato, xa que custa un euro cargar o depósito, que dá para 100 quilómetros".

Ademais, Abel Caballero anunciou a potenciación do uso da bicicleta na cidade: "imos facer catro grandes carrís, un deles estará listo antes do próximo verán, queremos un gran carril-bici que cruce todo Vigo para promover formas alternativas de transporte". O alcalde mencionou tamén o seu compromiso con este ámbito ao rebaixar a fiscalidade para as motocicletas que circulan pola cidade e adiantou que lle "gustaría potenciar as eléctricas".

Como parte das accións que contempla o goberno local para conmemorar mañá martes o Día Europeo sen Coches, as liñas de autobuses urbanos que van ao Hospital novo serán gratuítas para todos os usuarios durante toda a xornada. Así, as lanzadeiras H1 e H2 non custarán nada nos traxectos de subida e baixada e as liñas 6, 12B e 18 serán de balde no traxecto de volta dende o Álvaro Cunqueiro. Con esta medida o Concello quere "fomentar, familiarizar e poñer en coñecemento de todos o transporte público para ir mentalizando á cidadanía".

Ademais, o rexedor anunciou que o Concello de Vigo concorre aos Premios da Semana Española da Mobilidade Sostible do Goberno de España, que se entregan mañá, cun proxecto que inclúe a visión global da nova cidade: as humanizacións, os ascensores e as escaleiras mecánicas para facilitar o tránsito das persoas, a remodelación do transporte urbano cos novos vehiculos dotados coa última tecnoloxía ou as facilidades para a circulación das motocicletas.
Descargar todas as imaxes