Escoitar

A cidade contará cunha sala de lectura no novo espazo da UNED no Auditorio Mar de Vigo

Abel Caballero informou que a Xunta de Goberno Local acordou este xoves o envío da notificación ao Centro Asociado da UNED para o traslado das ensinanzas de grao ás novas instalacións do Auditorio Mar de Vigo. Ademais, o rexedor anunciou que se construirá un espazo de lectura na nova localización porque nestes momentos non hai oferta dabondo.

xoves, 10 set 2015
A Xunta de Goberno Local aprobou esta mañá o envío da comunicación ao Centro Asociado da UNED en Vigo para que inicie o traslado das ensinanzas de graos ás novas instalacións do Auditorio Mar de Vigo que, desta maneira, xa pode iniciar o proceso para impartir no curso 2015-2016 os graos novos e os que xa viña ofertando, nun ámbito máis espazoso.

Ademais, Abel Caballero anunciou que o Concello vai construír unha sala de lectura en Vigo no ámbito da UNED "aberta a todos os estudantes da cidade porque temos un problema: os universitarios en época previa á realización dos exames demandan miles de lugares de lectura e en Vigo non hai oferta; non temos biblioteca pública, a Xunta dálle as costas á cidade por iso imos facer nesa zona un grande ámbito de lectura". E menciounou a vantaxe do emprazamento dese espazo, que queda moi próximo ao campus universitario urbano.

O alcalde lembrou que, logo da solicitude feita polo Concello á UNED, no próximo curso van impartirse oito novos graos nas instalacións de Vigo: Estudos Ingleses, Administración e dirección de empresas, Ciencias Ambientais, Psicoloxía, Ciencia Política e da Administración, Pedagoxía, Xeografía e Historia e Historia da Arte. Estas oito titulacións novas sumaranse ás cinco que se veñen ofertando: Dereito, Enxeñería en tecnoloxías da información, Enxeñería informática, Educación social e Turismo.

Outros asuntos da Xunta de Goberno Local
O rexedor tamén informou da aprobación na Xunta de Goberno Local do convenio de colaboración con Vego Supermercados para a realización de actividades de sensibilización e educación ambiental co que a entidade achega 15.000 euros para o programa Vigo Camiño a Camiño. Así mesmo, o Concello deu luz verde á prórroga para a cesión temporal dunha vivenda municipal da rede de vivendas de protección para mulleres vítimas de violencia de xénero.