Escoitar

O alcalde invita á cidadanía a celebrar o pasado romano da cidade no Vicus Spacorum en Navia

A recreación do pasado romano da cidade celébrase esta fin de semana do 12 e 13 de setembro cunha festa organizada pola Asociación de Comerciantes de Navia. Abel Caballero presentou este mércores a cuarta edición do evento, que conta co patrocinio do Concello, e no que haberá novidades como a aparición dos castrexos nun programa renovado e cun emprazamento distinto que quere "facer festa e facer cultura".

mércores, 9 set 2015
1441803841PresentacionVicusSpacorum2.JPG
A cidade rememora o seu pasado durante este sábado e domingo coa celebración en Navia da cuarta edición do Vicus Spacorum, un evento que o alcalde define como unha "gran festa de recreación histórica romana e castrexa e como unha forma de reencontrarnos cunha parte importante do noso pasado, non suficientemente coñecida e enfatizada porque Vigo foi unha zona importantísima de asentamento castrexo e romano que ao final confluíu no que deu orixe á nosa actual cultura".

Na presentación da festa celebrada este mércores, Abel Caballero, acompañado por Antonio Rubia da Asociación de Comerciantes de Navia e Rodrigo Vázquez, colaborador da organización, convidou a toda a cidade a acudir a "unha celebración magnífica para facer festa e facer cultura" nunha etapa nova do evento que se desenvolverá con novidades no programa e cun novo emprazamento no bulevar da primeira altura do parque detrás da rúa Teixugueira.

Do programa de actividades previstas para este sábado 12 e domingo 13 de setembro, o alcalde salientou que contará coa participación de asociacións de recuperación histórica como o Arde Lucus ou a Festa do Esquecemento de Xinzo, amais das loitas de gladiadores, a presenza da garda pretoriana chegada dende Lugo, a recreación da Batalla de Cíes, concertos de música folk a cargo de Ardentía e Os Carunchos, moda castrexa ou o mercado de artesanía.

Así mesmo, o rexedor vigués incidiu na importancia de poñer en valor o pasado e coñecer que Vigo era unha gran cidade romana hai 1800 anos e aquí "temos tódolos vestixios desde as salinas da zona do Areal ata o xacemento arqueolóxico da rúa Celso Emilio Ferreiro, que falta por excavar, a zona da vila romana que queda por descubrir e que sabemos que chegaba ata a zona de praia América".
Descargar todas as imaxes