Escoitar

Ryanair, única compañía que optou ao concurso de promoción turística do Concello de Vigo

Segundo informou hoxe mércores o alcalde, o concurso de promoción turística en novos mercados mediante conectividade aérea impulsado polo Concello de Vigo pechou onte o prazo de presentación de ofertas coa única concorrencia da compañía irlandesa. De 2016 a 2018, o goberno de Vigo esixe un mínimo de seis voos semanais a Barcelona todo o ano e alomenos catro destinos internacionais durante seis meses ao ano.

mércores, 2 set 2015
Abel Caballero indicou que onte se pechou o prazo de presentación de ofertas e unicamente Ryanair concorreu ao concurso municipal, licitado en 4,9 millóns de euros cun dobre obxectivo: reforzar a conexión con Barcelona e abrir novos destinos internacionais entre os anos 2016 e 2018, ambos incluídos.

"Estamos asistindo á gran recuperación do aeroporto de Vigo", asegurou o rexedor vigués en declaracións aos medios. Caballero reiterou que a "a gran demanda" que recibe dos colectivos económicos e empresariais da cidade son voos directos para Vigo.

Caballero considera "fundamental" a conectividade con Barcelona, que permita poder ir e regresar na mesma xornada á cidade condal, ao facilitar a relación entre as urbes, sobre todo desde a perspectiva da empresa e dos negocios. O concurso do Concello esixe da adxudicataria alomenos seis voos cada semana durante todo o ano.

En segundo lugar, o goberno municipal inclúe abrir un mínimo de dous novos destinos internacionais o próximo ano, sumar outros dous no 2017 e mantelos no 2018, durante seis ou máis meses ao ano, dous ou máis voos por semana. É requisito do Concello cubrir nos internacionais alomenos dous dos seguintes mercados:


Mercado Centro Europeo, a través de:
- Colonia
- Dusseldorf
- Berlín
- Stuttgart
- Viena
- Varsovia
- Bratislava
- Budapest
- Basilea

Mercado Británico e Irlandés:
- Edimburgo
- Glasgow
- Dublín

Mercado Nórdico:
- Copenhague
- Oslo
- Estocolmo

Mercado Italiano:
- Milán
- Pisa
- Bolonia
- Palermo
- Génova
- Turín