Escoitar

O Concello investiu máis de 38 millóns de euros nas obras de mellora do rural

O alcalde visitou esta martes as obras de humanización que se están acometendo na rúa Areeiro en Sampaio por valor de 325.000 euros e alí manifestou a atención que o seu goberno presta á cidadanía que vive nas zonas rurais do municipio. Ademais, destacou que os traballos están sendo realizados por persoal do programa de emprego do Concello.

martes, 1 set 2015
1441113090Areeiro.JPG
Abel Caballero visitou esta mañá as obras de humanización que se están executando na rúa Areeiro na zona de Sampaio, onde se amosou satisfeito coa evolución dos traballos da segunda fase do proxecto, que inclúe a construción de 250 metros de beirarrúas aos dous lados da estrada, a retirada de postes e do tendido aéreo de electricidade. Esta mellora súmase aos 300 metros que se construíron na primeira fase das obras polo que, en total, quedará realizado medio quilómetro nesta zona do Concello cun investimento de 325.000 euros.

O alcalde destacou o feito de que as obras de Sampaio están sendo acometidas con cargo ao programa de emprego municipal de onde proceden a maior parte dos traballadores, polo que, segundo explicou, queda demostrada a utilidade do mesmo en dous sentidos: para xerar postos de traballo e para facer obras útiles para a cidade. Está previsto que os traballos rematen a finais deste mes de setembro.

Abel Caballero explicou que a preocupación do seu goberno pola mellora do rural se traduciu nun investimento de 38.926.000 euros en actuacións nos últimos anos e engadiu que, incluíndo a Teis, que ten unha parte rural e urbana, a cantidade destinada polo Concello ascende a 49.599.000 euros, o que supón a maior actuación de investimento no ámbito rural. "Estamos facendo máis nesta época que en toda a historia de Vigo e seguramente en ningunha cidade con rural existe este volume de investimento", sinalou.

50.000 euros para axuda social
A Xunta de Goberno Local aprobou este martes en sesión extraordinaria e urxente a concesión de 50.000 euros en subvencións a 35 entidades e asociacións viguesas de carácter social, sen ánimo de lucro, para a realización de actividades da Área dos Servizos Sociais neste ano 2015 no Concello.
Descargar todas as imaxes