Escoitar

O Concello arranca o 14 de setembro co plan de tráfico para os colexios de Vigo

Abel Caballero anunciou que co inicio de curso educativo tamén dá comezo o plan de tráfico para os colexios, con sinalización específica e prazas de aparcamento reservadas para deixar e recoller aos escolares, nos horarios de entrada e saída. O plan, testado no mes de xuño, ponse en marcha en setembro en 21 colexios e paulatinamente irán incorporándose o resto de centros.

martes, 1 set 2015
O goberno de Vigo está a preparar o plan de tráfico nos colexios de cara ao inicio de curso, segundo explicou este martes o alcalde de Vigo, preparando xa información para os vehículos que están estacionados nas prazas reservadas para deixar e recoller aos alumnos, reservas que empezarán a funcionar o 14 de setembro. Abel Caballero non dudou en asegurar que se empregará o guindastre de ser necesario, unha vez pasou o verán e as probas feitas ao longo do mes de xuño.

Sempre con presenza policial nas primeiras xornadas para garantir a seguridade, o plan de tráfico municipal ponse en funcionamento o 14 de setembro en trece centros educativos (Escultor Acuña, Lope de Vega, Colegio San Miguel – Nebrija, Doctor Fleming e Villalaura, María Auxiliadora – Salesianos, Colegio Padre Miguez – Calasancias, Compañía de María – Enseñanza, María Inmaculada – Carmelitas, Illas Cíes, Amor de Dios, Vicente Risco, Maristas e García Barbón). Na seguinte semana súmanse oito colexios máis (Celso Emilio Ferreiro, Frián Teis, Pombal, Canicouva, Monte da Guía, Altamar, Paz Tintureira e Cluni). A incorporación do resto de colexios, ata chegar aos 80 da cidade, terá lugar de forma progresiva, apuntou Caballero.

O alcalde de Vigo referíuse a experiencia piloto levada adiante ao final do pasado curso, durante o mes de xuño, nos centros educativos cos que tamén se arranca este mes de setembro. Caballero valorou as poucas queixas recibidas e que, en liñas xerais, "foi ben acollido, incluso polos veciños da zona".