Escoitar

O Concello xa tramitou 1.630 solicitudes ao Plan de Axuda a Familias para pagos de vivenda, enerxía e alimentación

A formalización de solicitudes, aberta ata o 9 de xuño, estase a desenvolver con "normalidade absoluta", en verbas do alcalde de Vigo, quen avanzou o número de peticións tramitadas ata o momento e garantiu que "todo o mundo vai poder cubrir a súa solicitude". O Programa de Axudas Extraordinarias para Familias ten un orzamento de 2 millóns de euros.

xoves, 4 xuñ 2015
Segundo indicou Abel Caballero, o goberno de Vigo xa leva tramitadas un total de 1.630 solicitudes ao Programa Municipal de Axudas Extraordinarias a Familias, un plan dotado con dous millóns de euros para axudar ás familias con menos recursos aos seus pagos de vivenda (aluguer ou hipoteca), enerxía e alimentación.

O alcalde, quen recordou que o goberno local ten ademais medio millón de euros para axudas de emerxencia, recordou asemade que o Concello garante o subministro de auga para todos os cidadáns, con independencia das súas posibilidades económicas.

Abel Caballero garantiu que "todo o mundo vai cubrir a súa solicitude", polo que apuntou que "non é preciso vir antes da hora", xa que aos interesados se lles outorga un número cunha hora na que serán atendidos.

En segundo lugar, o rexedor vigués solicitou da Xunta de Galicia e do Goberno de España un incremento nas axudas de prestación social, pois alertou que os concellos perden este ano as competencias legais nas políticas de benestar, segundo a nova lei de bases de administración local.

Abel Caballero solicitou a derogación desta reforma legal, que entra en vigor o 1 de xaneiro de 2016, e así permitir ao Concello de Vigo continuar ofrecendo o actual apoio social, por exemplo, nas bolsas de comedor, nas axudas para vivenda, enerxía e alimentación ou no albergue. "Teño a firme vontade política de seguir dando estas axudas, pero a lei está ahí. Por iso, o mellor que pode suceder é que de forma inmediata Rajoy derogue esta reforma", concluíu o alcalde de Vigo.