Escoitar

Caballero augura "longa vida" á actividade museística moderna que ofrece o MARCO

O alcalde de Vigo eloxiou o funcionamento e os contidos do museo Marco para este ano 2015, tal e como dixo na rolda de prensa de presentación da programación. No encontro cos medios de comunicación, aproveitou para criticar ás administracións que recortaron ou suprimiron a súa cooperación económica co museo vigués, en clara alusión á Xunta, ao Ministerio de Cultura e á Deputación de Pontevedra.

xoves, 8 xan 2015
1420735298MARCO.JPG
O alcalde de Vigo "felicitou" esta mañá ao MARCO por ser quen de abrir o "seu propio espazo museístico moderno en toda España e Europa" nun breve período de tempo dado que este museo empezou a funcionar hai trece anos. Acompañado do director, Iñaqui Martínez Antelo, Caballero participou esta mañá na rolda de prensa de presentación da programación de exposicións e actividades do MARCO para 2015. Durante a súa intervención, resaltou a calidade das once exposicións previstas, as actividades especiais -como o Día Mundial dos Museos ou o aniversario do MARCO-, a acción do centro de documentación con notable presencia de moitos historiadores, ademais da cooperación con concertos ou festivais, cos que tamén colabora o Concello, como ALT 15, Imaxina Sons, Festival Sinsal ou Vertixe Vigo, entre outros.


Caballero enfatizou o mérito desta proposta cultural tendo en conta "que o MARCO está a soportar unha enorme presión polo abandono de varias administracións públicas". En concreto, referiuse á Deputación, quen deixou de abonar a súa achega en 2012, á Xunta que recortou a súa aportación de 300.000 euros en 2010 a 100.000 en 2014 ou, ao Ministerio de Cultura que o pasado ano achegou 48.000 euros fronte aos 108.000 de 2012. Na opinión do rexedor, esta diminución, á que hai que sumar outras como os 300.000 euros da antiga Caixanova, supón un "recorte sen precedentes en ningún museo de España". Neste punto, lembrou que a práctica totalidade do orzamento do MARCO procede do Concello, augurando, en todo caso, "longa vida" a esta dotación cultural.
Descargar todas as imaxes

Máis información