Escoitar

Caballero invita á cidadanía a sumarse un ano máis ao ocio e a solidariedade de Vigolandia

O alcalde de Vigo presentou este mércores unha nova edición de Vigolandia, no IFEVI desde o 26 ao 30 de decembro, con entradas a 3 euros. A organización programa numerosas actividades para todos os públicos, inclúe o concurso de pintura e habilita un punto de recollida de xoguetes e alimentos non perecedoiros.

mércores, 17 dec 2014
1418820565vigolandia.JPG
Acompañado polo director do IFEVI, Arsenio Prieto, o xerente da Federación Galega de Tenis, Francisco Pardo, e José María Acosta en representación de Alcampo, o alcalde de Vigo presentou este mércores a duodécima edición de Vigolandia, no recinto feiral de Vigo desde o 26 ao 30 de decembro.

Caballero explicou os horarios de apertura, que van das 16 ás 20 horas na xornada do 26 de decembro e, nas catro xornadas restantes, desde as 12 ata as 20 horas. O prezo da entrada é de 3 euros.

Un ano máis, e da man da organización, colaboradores e patrocinadores, Vigolandia encherá o IFEVI con variadas actividades e propostas para toda a familia, como un equilibrista en bicicleta, inchables, videoconsolas, ponte tibetana, rocódromo, jimkanas, obradoiros, futbolín humano, xogos tradicionais e de mesa, actividades deportivas (tenis, iudo, billar, baloncesto, badminton), parque infantil de educación vial da Policía Local, exposición de vehículos...

Segundo salientaron durante a rolda de prensa, o evento mantén o carácter solidario e benéfico que o define desde o seu comezo, xa que haberá un espazo habilitado no IFEVI, durante os cinco días de duración de Vigolandia, para recollida de xoguetes e alimentos non perecedoiros para os menos necesitados.

O tradicional concurso de pintura entre os colexios de Vigo tamén se realiza este ano, con debuxos de accións ou actividades que axuden a conseguir un mundo mellor. A participación nesta edición supera os 2.000 escolares, entre 6 e 12 anos, o que supón un incremento próximo ao 40%, tal e como apuntou Arsenio Prieto. Cada participante recibe unha invitación para pasar unha xornada no parque de xogos.
Descargar todas as imaxes