Escoitar

Vigo celebra o domingo o Día da Danza con 5 actuacións simultáneas en distintos espazos da cidade

O concelleiro de Cultura, Cayetano Rodríguez, presentou hoxe venres a programación do Día Internacional da Danza que, un ano máis, encherá de música e baile a cidade durante un día. Nesta ocasión será o domingo 4 de maio cando diferentes grupos actuarán simultáneamente, ás 12,00 horas, en distintos espazos da cidade.

venres, 2 mai 2014
1399030290danza.JPG
O Concello de Vigo, en colaboración coa Agrupación de Centros Deportivos e Culturais, ten programado este domingo día 4 de maio unha serie de accións nas rúas e prazas da cidade, con motivo da celebración do Día Internacional da Danza. Esta efeméride celébrase o 29 de abril dende que foi establecido, no ano 1982, polo Comité Internacional da Danza do Instituto Internacional do Teatro (IIT). Tal e como explicou o concelleiro de Cultura, Cayetano Rodríguez, esta data conmemora o nacemento de Jean-Georges Noverre, un excelente bailarín nado en 1727.

O próximo domingo, ás 12:00 h, diferentes grupos de danza tradicional da citada agrupación actuarán, de forma simultánea, en diversos espazos da cidade: Alameda de Bouzas, peonil do Calvario, praza do Emigrante (Travesas), praza da Independencia e Montero Ríos.

O responsable municipal animou a todo Vigo a participar nunha iniciativa que quere converterse na antesala da recuperación do dia da muñeira polo que o domingo todas as actuacions arrancarán con este compás, segundo ratificou Roberto Giráldez, responsable da Agrupación de Centros Deportivos e Culturais.
Descargar todas as imaxes