Escoitar

O goberno de Vigo amplía ata 1,7 millóns a partida e concede todas as bolsas de comedor solicitadas

O alcalde informou este venres da aprobación dunha segunda resolución de axudas municipais ao comedor escolar, 70.000 euros máis para financiar a bolsa daqueles alumnos que, cumprindo cos requisitos, quedaron en lista de agarda no presente curso. O Concello adica 1,7 millóns para conceder un total de 5.450 axudas.

venres, 11 abr 2014
A Xunta de Goberno Local adoptou hoxe venres o acordo de destinar outros 70.000 euros para pagar a bolsa de comedor escolar de todos aqueles alumnos que quedaran en lista de agarda cumprindo os requisitos, cifra que acadaba os 453 escolares en xaneiro de 2014.

Abel Caballero indicou que, con esta decisión, ningún solicitante do presente curso 2013-2014 quedou sen percibir unha achega municipal para o comedor -sen precedentes no consistorio vigués, segundo sinalou- e recordou que o Concello abonou 1.718.000 euros para sufragar 5.449 bolsas de estudos, para libros e comedor escolar, e pola contra a Xunta de Galicia reduciu a súa partida para Vigo en 178.000 euros.