Escoitar

Á venda desde o próximo mércores as entradas para o concerto de Love of Lesbian

Este mércores 15 de xaneiro poranse á venda as entradas para o concerto do grupo LOVE OF LESBIAN, que terá lugar o venres 21 de febreiro, ás 22:00 h, no Auditorio do Pazo de Congresos de Vigo (Avenida Beiramar, 59); o concerto desta banda formaba parte do programa de Vigo en Festas que foi suspendido polo accidente ferroviario de Angrois. As entradas poderán adquirirse anticipadamente no servizo de Servinova (www.servinova.com e no teléfono 902.504.500) e na Central de Espectáculos (r/ Velázquez Moreno, 26), e o día do concerto no despacho de billetes do auditorio, a un prezo único de 6 € (máis gastos de xestión).

luns, 13 xan 2014
1389617389loveof.jpg
O grupo comeza a tocar en outono de 1998 en Barcelona; despois de presentarse a diferentes concursos, quedan na segunda posición no concurso de maquetas organizado pola revista "Ruta 66" co seu primeiro disco en inglés, MICROSCOPIC MOVIES (1999).

O grupo recibe un impulso cando Robert Smith (The Cure) os escolle como teloneiros da súa xira "Blood Flowers".

En 2001 editan o segundo traballo IS IT FICTION?, segundo disco en inglés. Despois asinan coa discográfica francesa Naïve e editan o seu primeiro álbum en castelán, UNGRAVITY (2003), co que acadan un repertorio de pop fresco e cautivador, con temas como "MACBA girl". A repercusión do álbum lévaos a actuar nos festivais de máis renome da xeografía peninsular e comezan a ser considerados como un dos grupos relevantes do panorama Pop nacional.

En 2005 editan MANIOBRAS DE ESCAPISMO (2005), o primeiro traballo interpretado totalmente en castelán, no que destacan temas como "Domingo astromático" e "Cartas a todas tus catástrofes". O álbum recibe moi boas críticas dos medios especializados máis
prestixiosos do país, que o escollen como unha das mellores producións do ano. O seu nome destaca nos carteis de programación do FIB 2005 e do POPKOMN do mesmo ano en Berlín.

Despois de case unha década de traxectoria, chega CUENTOS CHINOS PARA NIÑOS DEL JAPÓN (2007), unha volta á máis cara á perfección do estilo. En 2009 chega o ano de LOVE OF LESBIAN "1999" (Music Bus), co seu primeiro disco de ouro. "1999" é un disco conceptual, unha obra artística completa onde se coida cada detalle, cada acción, cada vídeo; cada imaxe é mimada individualmente pero sen perder a perspectiva da obra compacta. É cando se consolida a colaboración con LYONA, que asina toda a execución gráfica do disco e todos os videoclips promocionais. Dous anos e medio de xira sérvelles para gañar un nome no panorama Indie Pop do país, e lévaos a vivir experiencias únicas como o concerto "TENEMOS UN GRUPAZO" (Love Of Lesbian buscan 1999 guitarras). Os catro concertos de clausura de xira no Joy Slava de Madrid ou os tres Razzmatazz en Barcelona. De todas estas experiencias nace o dobre DVD "Últimos días de 1999", que contén un dos concertos en directo da Sala Razzmatazz, todos os vídeos promocionais, dous documentais e unha versión do single "Club de fans de John Boy" gravado integramente co público.

Love of Lesbian percorreron durante os últimos dous anos máis de 150.000 km por toda a península, ofreceron 150 concertos que foron gozados por 250.000 persoas. Comparten a súa vida profesional con 142.697 fans en facebook e con 60.000 en twitter. Todo isto, inspirounos para o seu novo traballo "La Noche Eterna"
Descargar todas as imaxes