Escoitar

O Concello abre o prazo para o concurso "Vente cos Reis Magos"

Desde hoxe ata o 17 de decembro, poderán participar todos os nenos nacidos entre o 1 de xaneiro de 2001 e o 31 de decembro de 2005. O sorteo para subir nas carrozas da Cabalgata realizarase na Casa do Concello o luns 23 de decembro.

luns, 2 dec 2013
O Concello de Vigo convoca un ano máis o concurso "Vente cos Reis Magos", que ten por obxecto seleccionar a corenta nenas e nenos para acompañar aos Reis Magos, na Cabalgata de Reis, que terá lugar o domingo 5 de xaneiro. Neste concurso poderán participar todas as nenas e nenos da cidade que o desexen coa única limitación, por motivos de seguridade, da idade xa que só poderán participar aqueles nacidos entre o 1 de xaneiro de 2001 e o 31 de decembro de 2005, ambos inclusive.

Para participar só será necesario cubrir o boletín de inscrición que poderán recoller na oficina de Información da Lonxa da Casa do Concello. As inscricións poderán depositarse nas caixas de correos do Carteiro Real, que se instalarán na citada Lonxa e nos centros cívicos de Teis, Casco Vello, Coruxo e Saiáns.

O prazo de inscrición comezará hoxe día 2 de decembro e rematará ás 20:00 h do 17 de decembro. O sorteo realizarase na Casa do Concello (praza do Rei, 1) o luns 23 de decembro, ás 12:00 h.