Escoitar

O Consello Municipal da Muller de Vigo celebra 20 anos de traballo pola igualdade real

Este órgano conmemora hoxe luns o seu aniversario cun pleno específico, unha exposición e unha mesa redonda sobre a súa historia. As membras do Consello defenderon o traballo feito ata o momento, chamaron á súa revitalización cara ao futuro e denunciaron a política de recurtes, con maior afección sobre as mulleres.

luns, 2 dec 2013
1385988545consello.JPG
A concelleira de Igualdade e presidenta do Consello, Isaura Abelairas, conduciu este luns o Pleno espefícico que abriu a xornada de actos conmemorativos polos vinte anos de vida do órgano, dúas décadas en defensa da igualdade real de homes e mulleres.

Abelairas definiu o Consello como vehículo fiable para coñecer a situación das mulleres e lugar de consulta das políticas a implementar en materia de igualdade. Xunto aos representantes da Corporación, a sesión plenaria contou coa participación de CCOO, Mulheres Nacionalistas Galegas, Feministas Independentes Galegas, UXT, Asociación de Mulleres Dorna, a Rede de Mulleres Veciñais contra os Malos Tratos, a Asociación de Mulleres en Igualdade de Vigo, a Federación Veciñal Eduardo Chao, Viúvas Democráticas e a CIG.

Durante a súa intervención, as membras do Consello Municipal da Muller -o primeiro creado no territorio estatal- relataron os logros conqueridos durante as últimas dúas décadas e fixeron propostas para revitalizar o funcionamento do organismo. Tamén censuraron os recurtes dos gobernos autonómico e central, unha regresión nos avances conseguidos en materia de igualdade que afectan máis ás mulleres.

A xornada de conmemoración continuou coa apertura da exposición "20 anos de historia do Consello Municipal da Muller de Vigo", inaugurada na lonxa do Concello ao remate do Pleno, e conclúe ás 19 horas cunha mesa redonda na Casa Galega da Cultura baixo o mesmo epígrafe da mostra.
Descargar todas as imaxes