Escoitar

Ciclo de conferencias sobre o mundo dos moluscos

luns, 30 abr 2001
A Concellería de Cultura organiza un ciclo de catro conferencias co título ” Investigación e ciencia no mundo dos moluscos” a cargo do biólogo Emilio Rolán Mosquera.

As conferencias terán lugar os días 3, 15, 24 e 31 de maio ás 20 horas no Auditorio Municipal.


Xoves, 3 de maio.-
Malacoloxía: o estudio dos moluscos

Nesta charla presentaranse xeneralidades sobre os moluscos, a súas clases, unha breve recensión histórica e se comentará a súa importancia ecolóxica, económica, as súas numerosas adaptacións, e a súa utilización en medicina, amosando numerosos exemplos en diapositivas. Tamén se amosará como se debe concibir un museo en relación cos moluscos, exposición e conservación do material de interese científico, etc.

Martes, 15 de maio.-
Expedicións científicas: os seus problemas

Exporanse diversos aspectos das expedicións científicas a países con pouco desenvolvemento e os problemas que conlevan, tanto dende o punto de vista do material utilizable, como dos métodos a empregar nas mostraxes, e o tratamento do material obtido: comentaranse os problemas de distinta índole que xurdan coas expedicións, os problemas médicos, os accidentes e os riscos que presentan estas actividades. Amosaranse exemplos de fauna perigosa para os expedicionarios.

Xoves, 24 de maio.-
Cabo Verde, as illas oceánicas e a evolución

Comentarase a situación das illas oceánicas e os aspectos habituais da evolución, neste caso aplicada a moluscos, a especiación nas súas diversas formas, e a adaptación que diversas especies seguiron co aproveitamento dos recursos. Tamén as características de certas zonas especiais no proceso de evolución, como as illas de Cabo Verde, pero tamén en comparación a costa galega, coa diversificación especial para algunhas especies, etc. Tamén, a utilización posterior na investigación do material obtido nas expedicións.


Xoves, 31 de maio.-
Annobón, un diminuto mundo illado

Tratarase da expedición realizada a un dos lugares menos estudiados da Terra, e que foi visitado por un grupo de científicos. Amosaranse detalles da expedición, dalgunhas das especies de maior interese atopadas e da situación da illa nos seus diversos aspectos.

As charlas levarán consigo a presentación de imaxes de diapositivas. O tempo de duración da charla será aproximadamente de 45 minutos, e despois haberá un coloquio no que participarán os asistentes que o desexen.


O CONFERENCIANTE: EMILIO ROLÁN MOSQUERA

Emilio Rolán Mosquera, nado o 19 de outubro de 1935, na Guarda (Pontevedra), pediatra de profesión, levou a cabo unha grande afección na súa xuventude polas actividades subacuáticas. De aí veu a súa paixón como recolector, acadando durante moitos anos de viaxes a numerosos países, unha colección de moluscos, considerada como unha das mellores coleccións privadas do mundo. Dende 1980, iniciou a súa actividade científica na investigación, aplicada á taxonomía e sistemática dos moluscos, e publicou ó redor de 200 traballos científicos, entre os que se encontran unha ducia de libros. No 1992, obtivo o título de doutor en Bioloxía, polo seu traballo sobre a familia Conidae no arquipélago de Cabo Verde. No 1999 recibiu o premio internacional “Una vida para la Malacología”, polas súas publicacións. Descubriu, describiu e deu nome a máis de 350 especies de moluscos. Pertence actualmente ó grupo de Investigación XB2 da Universidade de Vigo e o seu traballo lévase a cabo na actualidade dentro de varios proxectos de investigación.