Escoitar

Silva subliña o apoio municipal ao Concurso de Violín e Violonchelo, con 25 participantes de toda Galicia

A tenente de alcalde, Carmela Silva, presentou este mércores a segunda edición deste certame que, como novidade, incorpora o violonchelo con respecto ao ano pasado. O concurso celébrase no Mercantil deste hoxe ata o venres 6, cando terá lugar un concerto de gala dos premiados aberto ao público.

mércores, 4 set 2013
1378294852violin.JPG
Organizado pola Asociación Galega de Instrumentos de Corda co patrocinio do Concello de Vigo, a segunda edición arranca hoxe mércores no Círculo Mercantil coa inclusión do violonchelo como principal novidade deste certame que concluirá o venres cun concerto de gala dos premiados, aberto ao público.

Carmela Silva explicou que a participación neste concurso supón unha plataforma para aqueles alumnos e alumnas da comunidade galega -25 estudantes procedentes das catro provincias- que queiran pulsar a súa capacidade de actuación ante o público. Os premiados terán a oportunidade de tocar con formacións como a Orquestra 430 e a do Conservatorio Superior de Pontevedra.

O xurado está composto por músicos e docentes que traballan en Galicia como Maximino Zumalave, director asociado da Real Filharmónica de Galicia, e Enrique Iglesias Precedo, violinista e director da Orquestra Infantil da Sinfonica de Galicia na Coruña. Será o encargado de seleccionar tres finalistas por cada categoría: ata os 12 anos, de 12 a 16 e de 16 a 20 anos de idade.
Descargar todas as imaxes