Escoitar

Benestar Social prorroga os traballos de educación para a saúde con varias entidades

mércores, 27 nov 2002
A concelleira de Benestar Social, Belén Sío, asinou hoxe un convenio de colaboración con Cáritas e Madro para a execución dun programa de prevención e promoción da saúde de idades compredidas entre os 14 e os 20 anos.

O presuposto do programa, no que a Concellería de Benestar Social asume unha parte do gasto, correspondendo o resto a Cáritas e Madro, é por importe de 7.300 (sete mil trescentos) euros. O convenio vai estar en vigor ata o 31 de decembro de 2003. Para este ano 2002, disporase do 50% desa cantidade (3.650 euros). Téntase así, garanti-la continuidade do programa, nos cursos 2002-2003, e 2003–2004.

A Concellería de Benestar Social por ser do seu ámbito de competencia, ten traballado dende hai tempo en programas de prevención do consumo de drogas e, nun senso máis amplo, nos de promoción da saúde. Isto estase a traducir, dende hai tempo, na asunción de accións encamiñadas non só á prevención senón o tratamento das mesmas, e máis aló, na reinserción.

No traballo desenvolvido, vaise avanzando cara accións máis complexas, como pode se-lo Plan Local sobre Drogodependencias e outras Adiccións de Vigo, que abrangue os eidos da prevención, atención e reinserción, que xa é unha realidade e que tras da aprobación en Pleno está a traballar por facer realidade os obxectivos que nel se marcan.

Por outra banda, vense amosando a necesidade de coordinación e cooperación de tódolos implicados nos eidos de atención da problemática das drogodependencias, particularmente polo papel destacado desta coordinación na prevención, no intento de artellar accións conxuntas dos axentes sociais coa finalidade da promoción da saúde.

Dende hai varios anos, no canto á colaboración con diversas entidades que traballan a prol da promoción da saúde, estanse a desenvolver accións cara á promoción da saúde, nos ámbitos formativo (cursos de formación de mediadores sociais e mediadores xuvenís en hábitos saudables), de traballo con pais (escolas de pais), en centros escolares (“cinensino”, de prevención do consumo de drogas na escola), con colectivos concretos (xitanos) destacando que estas accións se están a desenvolver con diversas asociacións e organizacións.

Ademais do financiamento de accións puntuais dirixidas á colectivos en risco, e outras de promoción da saúde, xa no ano 2001, foi asinado convenio de colaboración, conxuntamente coas entidades MADRO e Cáritas, cara a posta en marcha dun proxecto dirixido a xoves, co valor engadido de resalta-lo papel dos mediadores sociais. Os bós resultados da experiencia teñen amosado a capacitación de aquelas entidades a traverso dos profesionais que nela traballan, como idóneos para continuar co mesmo.

Prantéxase, así, continua-la realización do proxecto de educación para a saúde dirixido ó colectivo de xoves en idades compredidas entre os 14 e os 20 anos. Esta vía de acción permite o afrontamento de novas medidas de traballo en educación para a saúde, mediante unha acción informativa de captación de voluntarios e a formación destes para unha posterior intervención en centros de educación formal e non formal. Accións acordes coa programación anual do departamento nesa área.